Este sábado será o día grande do Festival de Cine de Música de Roca

TerraChaXa
A partir das 20:00 horas terá lugar o concurso de curtametraxes, con proxeccións de obras galegas e internacionais
festival-de-cine-de-roca
19 Sep 2025

O Festival de Cine de Roca chega este ano á súa XII edición cun programa cheo de cinema, música, memoria e participación veciñal. A cita chegará ao seu final este sábado en Roca, Guitiriz, e arrancou xa a semana previa con actividades en centros educativos, onde se impartiron obradoiros de creación fotográfica coa técnica da antotipia a cargo de Arantxa Carricoba Muñoa. Ademais, entre setembro e outubro, a Escola Habanera acollerá a exposición “Galegoza. A canción en galego”, aberta de luns a venres en horario de mañá.

Este xoves tivo lugar a inauguración oficial do festival na Escola Habanera ás 20:00 horas, seguida da proxección do documental “Lévame a idea” (2024), dirixido por Laura Varela e coa participación da cantora Branca Villares. O venres 19, a Igrexa de Roca convértese en escenario dunha xornada marcada pola acción voluntaria de limpeza do río Veiga, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, un concerto de Diego de Braelle e Álvaro de Mera, e a proxección do filme “Onde está o Zeca?” (2024), de Tiago Pereira.

O sábado 20 será o día grande, con actividades ao longo de toda a xornada. A programación inclúe unha visita guiada sobre a memoria histórica de Roca, o pregón a cargo do director Jorge Coira, unha sesión vermú con música tradicional, xogos populares e unha exposición de creación fotográfica feita polo alumnado do CEIP Lagostelle e CEIP Santo Estevo de Parga. Xa pola tarde, proxectarase a curtametraxe “Recordos asolagados” (2024), presentarase o libro “O cinéasta andarengo” de Manolo González e ofrecerase un concerto de Alberto Mvundi.

A partir das 20:00 horas terá lugar o concurso de curtametraxes, con proxeccións de obras galegas e internacionais, entre elas “Pura”, “O clima dos teus ollos”, “Carracedo” e “Áncora”, ademais de producións de Francia, Cataluña e España. O día pechará coa entrega de premios arredor da medianoite.

O festival, organizado pola Asociación Xermolos co apoio do Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo, consolídase como unha das citas culturais de referencia na comarca, unindo cine, música e memoria colectiva nun mesmo espazo de encontro veciñal.

⚙ Configurar cookies
0.092328071594238