Este venres celébrase a popular romaxe de San Cosme da Montaña
Abadín acollerá mañá, 27 de setembro, unha nova edición da Romaxe de San Cosme da Montaña, que contará como acto central e máis importante a peregrinación á igrexa parroquial de San Cosme de Galgao, situada na Xesta.
Xentes de Abadín e Mondoñedo teñen por costume facer esta peregrinación, que arrinca ás 10.00 horas de Gontán.
Dende primeiras horas da mañá, na igrexa se ofician misas e arredor do templo poden verse aos devotos dando voltas á igrexa coas imaxes relixiosas e con velas. Non faltarán os postos de venda de cirios, aínda que tamén haberá bebida e comida, roupa e artesanía popular.
Adóitase pedir pola curación para a xente enferma, ben a título propio ou por outra persoa, acudindo moitos con velas de cera e representacións da parte do corpo afectada. O gando tamén se inclúe nestas rogativas e levan figuras de cera. Outras peticións comúns son o bo parto das embarazadas, a casa, ou o traballo.
O venres a sesión estará dedicada á Virxe do Rosario e haberá sesión vermú con Os Adrianos.
O sábado a misa solemne terá lugar ás 13.30 horas e haberá tamén procesión coa sesión vermú ao cargo de La Hora Bruja nesta ocasión. Pola noite será tempo desta mesma orquestra acompañada polo dúo Epo-k.
O domingo continuarán as celebracións con misa á mesma hora e sesión vermú co dúo Epo-k, que porá o punto e final á celebración.