Este venres remata o prazo para entrar no sorteo dunha viaxe a Cuba co Ribadeo Indiano

TerraChaXa | AMariñaXa
20 Xuño 2019

O Ribadeo Indiano, que se vai celebrar do 12 ao 14 de xullo, sorteará unha viaxe a Cuba para dúas persoas o vindeiro 14 de xullo. Este venres, día 21, ás sete da tarde remata o prazo para adherirse a esta campaña que organizan Acisa xunto ao Concello coa colaboración de Estrella Galicia e Banco Sabadell. Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo animan aos establecementos comerciais e hostaleiros da vila a sumarse a esta iniciativa, sexan ou non socios da patronal.
Segundo confirman desde a organización a día de hoxe son 120 os locais que participarán nesta importante campaña, 109 son socios de Acisa e o resto non.
Desde Acisa subliñan que “este venres, 21 de xuño, ás sete da tarde remata o prazo de adhesión a esta iniciativa. O que non o faga en tempo e forma despois non poderá sumarse”, de aí que insistan en animar a participar: “cremos que pode ser un sorteo moi beneficioso para o conxunto dos establecementos da vila e moi atractivo tanto para veciños coma visitantes. Queremos que sexa unha desas campañas nas que non é o comerciante ou hostaleiro quen ten que ofrecer a rifa, se non que sexa o cliente o que a pida e que pida moitas”.
O custe de adhesión a este sorteo é de 25 euros, dos que os asociados pagan só 10 euros e os outros 15 son asumidos pola asociación, por seren membros da mesma. Os non socios de Acisa pagan 25 euros. O único que ten que facer calquera establecemento é mandar un mail a info@acisaribadeo.es ou mandar un Whatsapp o móbil 663 396 226 ou chamar o 982 120 565 ou pasar pola oficina de Acisa, sita na C/Viejo Pancho, 13 – baixo e comunicar o seu interese en participar.
O sorteo desta viaxe a Cuba para 2 persoas realizarase de xeito presencial o 14 de xullo á tarde noite ao remate dunha actuación musical, respondendo así ás múltiples peticións recibidas de estender a programación do Ribadeo Indiano na vila ata o domingo á noite.
As rifas estarán dispoñibles para entregar aos clientes entre o 4 e o 14 de xullo. A parella afortunada coa viaxe estará en Cuba do 13 ao 20 de setembro, 3 días pasarán na Habana aloxados nun hotel de catro estrelas e 4 en Varadero nun hotel de 5 estrelas. A viaxe mércase en Eroski Viaxes, de Ribadeo, “un establecemento da localidade, que ademais é socio de Acisa, algo importante porque estarán moi pendentes dos viaxeiros afortunados e de que esta experiencia resulta inesquecible para eles”. Con esta campaña desde a organización pensan que “podemos encher a vila de xente; se na festa do comercio desbordamos sendo inverno, isto pode ser espectacular. Estamos convencidos que este sorteo vai ser un reclamo tanto para os clientes veciños da vila coma para os visitantes e por iso quixemos amplialo aos establecementos que non son socios. Oxalá teñamos que comprar unha urna especial para meter as rifas o día do sorteo”.

0.090361833572388