Estrean en Vilalba un documental sobre as divulgadoras da música de tradición oral galega

TerraChaXa
'Lévame a idea' é o título a peza elaborada por Navíos e Folerpas que poderá verse o 15 de marzo do auditorio
documental-levame-a-idea
27 Feb 2025

A produtora Navíos e Folerpas anuncia a estrea do documental Lévame a idea para o vindeiro 15 de marzo no auditorio municipal de Vilalba, ás 19:30 horas. Un traballo que pretende recoñecer ás mulleres creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega.

No ano no que se dedican as Letras Galegas á poesía popular oral personificada en sete cantareiras e tocadoras destacadas, "cómpre reivindicar cunha óptica feminista e interxeracional o papel fundamental das mulleres na preservación da música e a cultura tradicional de Galicia, piar esencial da identidade colectiva. A transmisión oral das letras e músicas que nos vertebran como pobo guían as entrevistas que recolle este documental a mulleres que achegan a súa visión desde distintos eidos, como o musical, o académico, o divulgativo, o artístico ou o antropolóxico", destacan as directoras do filme, Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso.

O documental trata temas fundamentais como a invisibilidade e infravaloración destas músicas e cantares desde unha perspectiva feminista e galeguista. Tamén se afonda no pouso da violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo "que segue pesando sobre os grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais". Ademais, ponse en cuestión a posibilidade de que a música tradicional funcione como porta de entrada ao galego, "unha lingua fundamental para a nosa cultura". Neste senso, o documental tamén sitúa o foco no impacto da represión franquista sobre a música de tradición oral feita por mulleres en Galicia, un capítulo escuro da nosa historia que é preciso lembrar e analizar.

As entradas son de balde e xa se poden retirar, ben na web ou ben na Casa da Cultura de Vilalba.

⚙ Configurar cookies
0.38900709152222