Estréase en liña o documental 'Xorima'
O vindeiro 31 de agosto, coincidindo coas festas patronais vilalbesas, estrearase en liña o documental Xorima, peza audiovisual premiada como mellor curtametraxe da sección galega do IX Festival de Cine de Roca en 2022. Estará dispoñible a través de YouTube desta ligazón: .
O documental foi producido no seo do Proxecto Xorima, un proxecto transmedia que busca homenaxear o grupo de folk Xorima a través de múltiples medios e plataformas, recuperando a súa memoria e reunindo os membros da primeira formación despois de corenta anos, coa colaboración do Instituto de Estudos Chairegos.
Xorima foi un grupo revelación no nacente folk instrumental galego dos anos oitenta. Chegaron a actuar nos máis importantes festivais de folk en Galicia e traspasaron as súas fronteiras para acudir a citas como o Festival Intercéltico de Lorient. Do seu paso pola historia do folk galego deixaron pegada nun disco gravado en 1985.
O proxecto Xorima conta cunha páxina web, proxectoxorima.com, o documental e mais unha publicación, o libro Conversas arredor de Xorima, de Paulo Naseiro. A presentación do libro tivo lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o 19 de marzo de 2022, nun evento que contou coa actuación do grupo sobre os escenarios, nun concerto moi emotivo no que os seus membros se reuniron para tocar ante o seu público por volta derradeira.
CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE