Estudantes de Foz, Begonte, Muras, Xove e Viveiro foron premiados no Certame de debuxo do belén de Begonte

TerraChaXa | AMariñaXa
Os premios inclúen unha dotación económica de 60 euros para os primeiros premios e 30 euros para os segundos, ademais dun diploma acreditativo
mural-diego-as-belen-begonte-portada
8 Jan 2025

O xurado do XLIX Certame de Debuxo infantil sobre o Nadal, deu a coñecer o seu veredicto. A convocatoria, organizada pola Asociación José Domínguez Guizán, contou coa participación de Sonia Varela García, representante do Concello, e Lucía Goiriz Castro e Alba Bermúdez Suárez, integrantes da Comisión de Cultura. Por unanimidade, seleccionaron os traballos máis destacados entre os presentados nas diferentes categorías.

Na A, dirixida a alumnado de ata 3º curso de Educación Primaria, o xurado destacou a creatividade de Jara García Fernández, do CEIP Foz nº 1 e Sofía Abuín Gómez, do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, que obtiveron os primeiros premios. Pola súa banda, Mía Marques Silva, Abril Niñe González e Naila Abreu Méndez recibiron os segundos premios polos seus traballos, representando aos centros CEIP O Cantel de Foz, CEIP Foz nº 1 e CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, respectivamente.

Na categoría B, para alumnado de 4º a 6º de Primaria, Iria Parga Piñeiro, do CEIP Virxe do Corpiño, e Antía Riveira Barcia, do CEIP O Cantel, destacaron coas súas creacións e foron recoñecidas cos primeiros premios. Ademais, Noa Hernando Arroyo, Laura Longarela Arias e Cristian Prieto Gómez recibiron os segundos por representar con gran sensibilidade os valores do Nadal nos seus debuxos. Presentaron os seus traballos desde os centros de Begonte, O Cantel de Foz e o CEIP Antía Cal de Muras.

Finalmente, na categoría C, destinada a estudantes de 1º a 4º da ESO, os primeiros premios recaeron en Marcos Cabada Dopico e Sara López Eijo, ambos do IES Vilar Ponte de Viveiro. O xurado tamén quixo recoñecer o talento de Nadia Novío Campo, Andrea Montero Moreira e Jayden Maragoto Diéguez, premiándoos en segunda posición polos seus traballos presentados desde os institutos de Xove e Viveiro.

Os premios deste certame, que inclúen unha dotación económica de 60 euros para os primeiros premios e 30 euros para os segundos, ademais dun diploma acreditativo, serán entregados o próximo 1 de febreiro. O acto terá lugar no marco da clausura das actividades do Nadal de Begonte, que cada ano transforma a localidade nun referente cultural e artístico na comarca.

0.15674114227295