EuroEume organiza unha xornada gastronómica intercultural

O vindeiro 5 de xullo, a partires das 11:30 horas, terá lugar a Xornada Intercultural Pratos con Raíz, un encontro cultural e gastronómico intercultural organizado pola Asociación EuroEume coa colaboración do Concello das Pontes, Cáritas e a Asociación veciñal As Campeiras.
A xornada celebrarase no local social da Asociación veciñal As Campeiras e conta coa colaboración de Gadis, que achegará unha parte dos ingredientes necesarios para a elaboracións dos pratos.
"Con esta xornada pretendemos dar visibilidade á diversidade cultural a través da gastronomía, para fomentar a integración das persoas migrantes da Comarca do Eume partindo da oportunidade que ofrece o coñecer, degustar e valorar as diferentes cociñas dos países de orixe destas persoas, as súas tradicións culinarias e culturais, e ao mesmo tempo promover que estas persoas coñezan algunhas das claves da cultura galega", explicaron desde a organización.
Poderanse desfrutar de pratos de diferentes países como Marrocos, República Dominicana, Venezuela, Colombia, Cuba, Portugal, Brasil, Paquistán, Senegal e Galiza, e ademais da oportunidade de coñecer unha pequena mostra da gastronomía destas culturas, organizaranse outras actividades interculturais para os máis pequenos como tatuaxes de henna ou elaboración de trenzas. A xornada estará amenizada pola música galega que interpretará en directo o grupo de gaitas pontés Canavella.
A entrada e degustación dos pratos vai ser de balde pero é necesaria inscrición previa por cuestións de aforo. As persoas interesadas poden inscribirse no teléfono 981 440 668 ou no e-mail euroeume@euroeume.org.
A xornada enmárcase dentro do programa Galicia Acolledora, financiado pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das axudas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF