Euroeume pon en marcha nas Pontes un proxecto de recuperación da memoria oral

TerraChaXa
Un café con historias é un proxecto impulsado pola Asociación Euroeume, no marco do programa Aldeas Activas e Saudables, que pretende fomentar que as persoas participantes exerciten a memoria a longo prazo a través das súas historias de vida persoais ao tempo que se realiza unha recollida dos saberes da comarca e do patrimonio inmaterial do territorio.
un cafe con historias eume as pontes portaa
12 Abr 2024

Un café con historias é un proxecto impulsado pola Asociación Euroeume, no marco do programa Aldeas Activas e Saudables, que pretende fomentar que as persoas participantes exerciten a memoria a longo prazo a través das súas historias de vida persoais ao tempo que se realiza unha recollida dos saberes da comarca e do patrimonio inmaterial do territorio.

Esta actividade botará a andar o 18 de abril, desde as 16.30 ata as 18.30 horas, no local da AVV As Painceiras, en Ribadeume, e constará de 5 sesións, que se celebrarán todos os xoves de abril e o primeiro xoves de maio, de maneira dinámica, en forma de encontro faladoiro. O proxecto está dirixido a persoas maiores de 60 anos do Concello das Pontes. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no correo electrónico euroeume@euroeume.org ou chamando ao teléfono 664 845 694.

Nas sesións o persoal de Euroeume dinamizará as reunións partindo dunha serie de temáticas, das que podan partir mais contidos relacionados coas historias de vida das persoas participantes: as diferentes ocupacións que tiñan en cada estación, os lugares emblemáticos do seu entorno, as persoas de referencia na zona, os remedios que utilizaban na casa e cos animais, os recordos da infancia e da escola, as festas, a música, a gastronomía, etc.

Ao longo do ano realizaranse outros obradoiros, coas mesmas características, nos restantes concellos da comarca do Eume.
Tras a recollida de información e a análise das historias e dos documentos que acheguen as persoas participantes durante os diferentes obradoiros, elaborarase outro proxecto para visibilizar as voces da veciñanza, que adoitan pasar desapercibidas na historiografía oficial. Este proxecto vaise impulsar a través dunha actividade colaborativa con outras entidades do territorio, coa intención de identificar rutas que podan ser accesibles para toda a poboación, e a posterior creación dun espazo web no que incorporar a información relacionada, audioguías e elementos informativos e didácticos, que serán accesibles a través de códigos QR

A actividade está subvencionada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, no marco das axudas para proxectos con fins sociais financiadas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

0.19897317886353