Euroeume presentará este venres nas Pontes o proxecto Enraizadas
Euroeume presenta este venres o seu proxecto audiovisual Enraizadas. Enraizadas é un traballo de fomento do consumo responsable e de proximidade e de defensa dos valores da igualdade. A campaña está protagonizada por nove mulleres, produtoras de seis concellos distintos das comarcas do Eume e Ferrolterra, que teñen algún tipo de vinculación ao sector agroalimentario: Cynthia Arias Ramil, produtora de horta de As Pontes, Isabel Goti, apicultora e traballadora da Asociación Casa do Mel en As Pontes, Cristina Pérez, produtora de Requeixo Restrebas de Monfero, Manola Permuy, presidenta da Cooperativa Campo Capela, Nanda Cuíña, da cooperativa Vacalouras de Pontedeume, Leticia Iglesias produtora de horta de Neda e Cruz, Marisol e Teresa produtoras dehorta para auto-consumo do concello de Cabanas, son as protagonistas deste proxecto.
A través destas pezas de vídeo, coñeceremos as súas traxectorias e iniciativas e os valores que as rexen, tratando de amosar como co consumo destes produtos se está a coidar da terra e das persoas que a habitan. Preténdese, ademais, poñer en valor os produtos da zona e os procesos de elaboración dos mesmos.
O acto consistirá no visionado das pezas audiovisuais ao que lle seguerá un pequeno faladoiro con algunhas das participantes. Este proxecto foi impulsado por Euroeume en colaboración con Rexenerando (Xestión e producción) e Illa Bufarda (gravación e edición), no marco da Convocatoria de Subvencións da Deputación da Coruña a entidades sen fins de lucro para o desenvolvemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2021.