Europa vota a declaración de Galicia como rexión libre de brucelose bovina

TerraChaXa
Galicia podería ser dende este martes 19 de setembro rexión libre de brucelose bovina.
18 sep 2017

Galicia podería ser dende este martes 19 de setembro rexión libre de brucelose bovina. Así, o acaba de anunciar hoxe a conselleira do medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa expedición a Bruxelas durante a cal manterá varios encontros con responsables da Unión Europea para avanzar na resposta das necesidades que ten a nosa comunidade. En concreto, a declaración de Galicia como rexión oficialmente indemne de brucelose bovina votarase este martes 19 de setembro no comité permanente da cadea alimentaria e da sanidade animal e espérase que a resolución sexa positiva.

A comunidade cumpre con todos os criterios establecidos pola lexislación comunitaria, que implican que durante tres anos non existan casos confirmados de Brucella abortus, que o 99,8% dos rabaños existentes estean cualificados como oficialmente indemnes fronte á enfermidade durante cinco anos consecutivos, que exista un sistema de identificación e trazabilidade obrigatoria de animais e explotacións e que estea implantada a comunicación obrigatoria de todos os casos sospeitosos da enfermidade. Neste sentido, cómpre destacar que Galicia leva xa seis anos sen ter ningún caso confirmado de brucelose bovina, cumprindo polo tanto amplamente o criterio establecido na norma comunitaria.

Esta resolución ten unha gran relevancia non só no contexto da saúde pública e da sanidade animal, senón pola súa repercusión económica. A erradicación desta enfermidade supón que haxa menores perdas directas nas explotacións e que non exista ningún tipo de traba dende ningunha rexión nin país para o comercio de animais ou produtos en base a esta enfermidade. Ademais, este sector produtivo ten a oportunidade definitiva para deixar de importar animais e converterse en exportador de alta calidade sanitaria, accedendo a novos mercados comerciais nacionais e internacionais. Esta declaración tamén supón unha menor presión directa nos chequeos anuais, co aforro de custos que iso supón.

Segundo a conselleira este logro culmina o “enorme esforzo” material e humano levado a cabo pola administración galega e polo sector produtivo de gando bovino durante máis de 25 anos de aplicación dos programas nacionais de erradicación, a través das campañas anuais de saneamento gandeiro. De feito, nos anos noventa, en Galicia máis do 16% dos rabaños estaban infectados de brucelose bovina. As pezas clave para o éxito das campañas de saneamento gandeiro foron o rexistro das explotacións bovinas, a identificación individual dos animais e o control e rexistro dos movementos pecuarios, como garantía de trazabilidade e de seguridade alimentaria.

No caso concreto da brucelose bovina, xogou un papel moi importante a indemnización con tres liñas conxuntas de axudas das explotacións afectadas, a realización de baleiros sanitarios (sacrificio íntegro dos rabaños infectados), o control de pastos e a limpeza e desinfección das explotacións positivas. “A comunicación, colaboración e participación do sector foi clave para acadar os obxectivos previstos”, declarou Ángeles Vázquez, que lles ale agradeceu o seu compromiso.

Mellorando os estándares sanitarios
Galicia xa foi declarada en 2013 rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa. Actualmente traballa tamén para conseguir o dito estatuto respecto á tuberculose bovina, do que aínda se rexistran casos na nosa comunidade. Por iso, sinalou Ángeles Vázquez, “é moi importante que o sector gandeiro sexa consciente do risco sanitario que implica, para toda a rexión, a compra de animais foráneos procedentes de áreas afectadas sanitariamente polas enfermidades que Galicia erradicou ou está a piques de erradicar”.

A nosa comunidade autónoma conta na actualidade con 37.932 rabaños bovinos compostos por uns 961.263 animais, o que demostra que o sector gandeiro en Galicia é estratéxico para o medio rural.

Enfermidade infecciosa
A brucelose bovina é unha enfermidade de ámbito mundial, infecto-contaxiosa moi grave para os bovinos e para as persoas. Nos bovinos orixina principalmente problemas reprodutivos graves (abortos e infertilidade en ambos sexos, entre outros), que comprometen definitivamente a viabilidade da explotación.

En España, na década dos oitenta, a brucelose chegou a afectar a máis de 8.500 persoas. A medida que se implantaron as campañas de saneamento gandeiro mellorou a sanidade dos animais e a incidencia da enfermidade nas persoas ata que no 2015 detectáronse só 39 casos en humanos.

0.15361404418945