Excursións, festas e talleres completan o programa da asociación de Pino no primeiro semestre

TerraChaXa
En febreiro están previstas unha excursión a Verín e Xinzo de Limia, a tradicional queima do entroido e a conmemoración do Día de Rosalía
programacion-san-martino-de-pino
4 Feb 2026

A Asociación Cultural de San Martiño de Pino deu a coñecer na asemplea anual a súa programación de actividades para o primeiro semestre de 2026, cun calendario diverso que combina propostas culturais, formativas, lúdicas e de convivencia dirixidas a públicos de todas as idades. A oferta desenvólvese entre os meses de xaneiro e xuño e inclúe tanto actividades puntuais como obradoiros con continuidade ao longo do semestre.

A programación arrincou no mes de xaneiro cun taller dun día para aprender a crear unha bufanda, seguido da celebración da asemblea xeral ordinaria da entidade. En febreiro están previstas unha excursión a Verín e Xinzo de Limia este domingo; a tradicional queima do entroido, o día 15, e a conmemoración do Día de Rosalía, para pechar o mes o día 28.

O mes de marzo inclúe unha xornada dedicada á saúde feminina e un taller dun día centrado no traballo do coiro, os días 6 e 14, respectivamente. En abril, as propostas continúan cunha sesión sobre xestión do estrés e cunha ruta pola Ruda da Pedra e a Auga, que se completará cunha visita a un furancho. Xa en maio, a asociación organiza unha excursión a Vila Nova de Cerveira e Baiona, así como a celebración de San Isidro. A programación do semestre pecharase en xuño cunha ruta polas Fragas do Eume e coa festa do Lume Novo.

Xunto a estas iniciativas puntuais, a asociación manterá durante todo o semestre varias actividades con continuidade, como pintura os luns, memoria os mércores, ximnasia os martes e xoves, pandeireta e costura os sábados, teatro dous sábados ao mes e un club de lectura que se reúne o primeiro domingo de cada mes.

Desde a Asociación Cultural de San Martiño de Pino destacan que esta programación busca fomentar a participación veciñal, promover a cultura e o benestar e reforzar os lazos sociais, consolidando á entidade como un referente dinamizador da vida cultural e social da parroquia.

⚙ Configurar cookies
0.080854177474976