Éxito de participantes no primeiro Trail das Bestas
Muras acollía o domingo 5 de novembro a primeira edición do Trail das Bestas no que participaron un total de 195 atletas que percorreron 25,5 ou 16 quilómetros por boa parte do municipio coma os núcleos de Sanche, A Valiña, Caraceiro, A Casavella, Inciñán ou O Burgo.
Os primeiros clasificados na carreira longa foron en categoría masculina, o incombustible Fernando Arca (Caldas de Reis) que venceu cun tempo de 2 horas e 12 minutos. Seguido de Arca, José Angel Díaz Bautista, con 2 horas 15 e Iván Redondo que invertía 2 horas e 20 minutos en comletar o percorrido.
En mulleres a primeira clasificada foi Begoña Pacio, 2 horas 47 minutos; seguida de Vicky Cebreiro, con 2 horas 50 minutos; e Francisca Díaz, con 3 horas e 15 minutos.
Carlos González, Carlos Cáceres e Manuel Pérez subíronse ao podio da proba máis curta, mentres que en mulleres foron Raquel Guizán Castro, Laura Cabarcos e Isa Díaz.
O padexeiro olímpico Óscar Carrera completaba o seu primeiro trail cun meritorio posto dezaseisavo. Ademais deste deportista profesional, a carreira acercou a Muras a visitantes de diferentes zonas da xeografía galega e tamén de Asturias. Moitos destes participantes viñeron acompañados de público que presenciou a proba dende a carpa de organización onde se instalou unha pantalla que a través do seguemento de Track The Race permitía coñecer en todo momento o posicionamento dos corredores durante a proba.
Tamén se ofreceu un servizo de gardería para os máis pequenos que desfrutaron de xogos e actividades durante toda a mañá do domingo.
Despois da proba fíxose a entrega de premios, onde estiveron presentes tanto o alcalde Manuel Requeijo e o concelleiro Mario Rouco, tamén participantes ámbolos dous na carreira curta e Belén Chao, a tenente alcalde.
Ao remate da entrega de premios ofrecíase un aperitivo para todos os participantes que aproveitaron para destacar a beleza do percorrido e a calidade organizativa, así como as ganas dunha segunda edición onde se volva a poñer en valor todo o patrimonio natural que ten o concello de Muras.