Éxito do primeiro Foro Económico da Mariña celebrado en Burela

TerraChaXa | AMariñaXa
22 Mar 2019

O I Foro Económico da Mariña reuniu no hotel Nordés, de Burela, a unha ampla representación do sector pesqueiro da comarca, entre os que se atopaban produtores, comercializadores e distribuidores dos portos de Burela e Celeiro.

A organización cualifica de éxito de convocatoria este primeiro encontro, organización pola asociación Foro Económico da Mariña.

Durante a mañá tratáronse diferentes temas relacionados co sector coma o Brexit, as novas formas de comercialización ou as problemáticas relacionadas coas cotas de pesca da Unión Europea, así como da seguridade alimentaría, en especial na loita contra o anisakis. Miguel Neira e Eduardo Míguez, representantes de Absa e Puerto de Celeiro fixeron fincapé na necesidade de unión entre as diferentes empresas para unha estratexia conxunta de visibilización dos produtos do mar que se distribúen dende a Mariña.

Sergio López e Tito Sixto, representantes da OPP de Lugo e de Adexmar, produtores e exportadores respectivamente, concluíron que é moi importante diferenciar a calidade do produto fresco do mar con respecto á produción da acuicultura, onde os países nórdicos apostaron por potenciar a marca país fronte aos localismos que caracterizan ás empresas do noso entorno.

A mesa redonda foi moderada polo economista Antonio Dorrego.

Os membros do Foro Económico da Mariña agradecen a participación e acollida da súa primeira actividade e valoran de forma moi positiva a afluencia tanto de produtores como de comercializadores do sector.

En vindeiras semanas a asociación informará das próximas convocatorias que terán lugar en diferentes vilas da comarca da Mariña.

0.1784360408783