Expertos supervisan o estado da igrexa de Santa María de Bestar logo de caerlle un raio

TerraChaXa
O edificio quedou moi danado, en especial o tellado, polo que tivo que ser acordoada a zona polos responsables municipais
campanario-Bestar-Cospeito
3 Dec 2024

O arquitecto da diócese Mondoñedo-Ferrol, á que pertence a igrexa de Santa María de Bestar, en Cospeito, procederá durante a xornada deste martes ao estudo do estado do edificio despois de que este sábado un raio destruíra o campanario.

Os feitos tiveron lugar durante unha forte tormenta que afectou a toda a zona, pero sen que se rexistrasen máis danos.

Segundo explicou un dos dous sacerdotes encargados do templo, José Vega Pérez, o raio penetrou a través do sistema eléctrico e percorreu todo o edificio, queimando todo ao seu paso e facendo esborrallarse o campanario, feito de perpiaños, cando explotou. Unha das campás caeu ao chan e a outra quedou suspendida no tellado.

No momento do suceso, a igrexa estaba pechada, polo que non se produciron danos persoais, aínda que acollera poucas horas antes un funeral.

O edificio quedou moi danado, en especial o tellado, polo que tivo que ser acordoada a zona polos responsables municipais. Quedou tamén suspendida a actividade relixiosa ata que o arquitecto revise a situación.

Segundo adiantou José Vega Pérez, que comparte con Víctor Márquez a dirección sacerdotal desta parroquia, a intención será proceder á súa reparación canto antes “para o que haberá que buscar un método de financiamento canto antes, xa que somos unha parroquia pequena con moi poucos recursos”.

0.16138410568237