Expogrelo e o concurso de disfraces únense en Abadín esta fin de semana

O concello de Abadín acollerá este sábado, 1 de marzo, a XIX edición de Expogrelo, a coñecida feira de exaltación do grelo, que terá lugar no recinto feiral de Gontán, como é costume. As edicións celebradas ata agora serviron para comprobar que a tradicional fama deste cultivo atopa boa saída nos compradores. A feira mostrará de novo a calidade e sabor do grelo que se produce nesta zona da Terra Chá e que conta con merecida fama.
Unhas 17 produtoras sumaranse este ano á feira, na que se repartirán tres premios de 50, 30 e 20 euros para as cestas mellor decoradas e na que se esperan un total de 1.700 kilos de grelos. Ademais, é tradicional que todos os participantes reciban un incentivo.
O programa de actos seguirá a mesma liña que en edicións anteriores, ás 09.30 horas coa designación dos postos e a numeración das cestas. Ás 10.00 horas levarase a cabo a apertura da feira, ás 12.00 horas dará inicio a animación musical e ás 12.30 horas os presentes poderán degustar este delicioso alimento da cociña galega na carpa que o Concello porá no recinto feiral.
Ás 13:00 horas terá lugar a recepción de autoridades. Os actos finalizarán ás 14.00 horas co fallo do xurado e a entrega de premios.
O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto e ademais apoiar aos produtores que hai no municipio.
A IXP Indicación Xeográfica Protexida de Grelos de Galicia naceu en outubro de 2009 para axudar a produción como a comercialización e a distribución deste alimento tan característico de Galicia.
RETO SUBE E BAIXA
Abadín acollerá pola tarde un novo desafío deportivo: o Reto Sube e Baixa. A competición, que dará comezo ás 17:00 horas, contará con diferentes categorías e distancias adaptadas a todas as idades.
A categoría absoluta será de 6 km (3 km de subida + 3 km de baixada), a sub14 e sub16 será de 2 km (1 km de subida + 1 km de baixada) e a sub10 e sub12, de 1 km (500 m de subida + 500 m de baixada). Tamén haberá unha proba para os pequenos anteriores a 2018. A saída e a chegada será a carón do pavillón de Abadín.
Haberá diferentes categorías na absoluta, dúas para os menores de 30 anos e catro de veteranos, ademais da de adultos.
A data límite para anotarse é hoxe, 27 de febreiro e xa conta con preto dun cento de persoas inscritas.
Desde a organización animan a todos os amantes do deporte e da natureza a participar nesta esixente pero apaixonante proba, que converterá Abadín nun punto de encontro para corredores e corredoras dispostos a superar o reto.
CONCURSO DE ENTROIDO
O Concello organiza para o domingo o seu popular Entroido onde nenos e maiores poderán gozar a partir das 16.30 horas co tradicional desfile de disfraces que se levará a cabo no polideportivo, ao lado do centro médico.
O desfile estará dotado con grandes premios en metálico nas seguintes categorías: charangas, grupos e comparsas, parellas, individuais e comparsas mixtas. Haberá premios tanto para adultos como para infantís.
A mellor charanga será premiada con 300 euros. Para os tres mellores grupos e comparsas os premios serán de 300, 250 e 200 euros, cun premio especial para unha local de 250 euros. En comparsas mixtas haberá 250, 200 e 150 euros en premios. En parellas, a contía será de 200, 150 e 100 euros con premio para unha local de 150 euros. En individual redúcense ata 150, 100 e 75 con 100 euros para o local.
Para os pequenos establécense tamén tres premios para grupos e comparsas, para parellas e para infantil, cunha distinción especial para un local en cada categoría. As recompensas oscilan entre 200, o primeiro de comparsas, ata os 50 euros que cobrará o terceiro individual.
A xornada finalizará cunha gran chocolatada con churros para todos os asistentes.