'Expolugo, A Rural' potenciará as razas autóctonas gandeiras

TerraChaXa
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, o presidente de ACRUGA, César Dorado, e o xerente da Fundación Pazo de Feiras, Rubén López, presentaron unha nova edición de Expolugo, A Rural, a feira agrogandeira que vai ter lugar a vindeira fin de semana, os días 5 e 6 de outubro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
'Expolugo, A Rural' potenciará as razas autóctonas gandeiras
3 Out 2019

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, o presidente de ACRUGA, César Dorado, e o xerente da Fundación Pazo de Feiras, Rubén López, presentaron unha nova edición de Expolugo, A Rural, a feira agrogandeira que vai ter lugar a vindeira fin de semana, os días 5 e 6 de outubro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Como é xa tradicional, esta mostra agrogandeira, con entrada gratuíta, celébrase como preludio ás festas patronais de San Froilán que, durante moitos anos, atraeu a gandeiros de toda a provincia para comercializar os seus produtos na capital luguesa.

Esta mostra multisectorial e especializada no eido gandeiro e agroalimentario é un dos salóns máis relevantes do sector gandeiro do noroeste peninsular, superando na edición anterior os 15.200 visitantes. Este ano, participan más de 40 expositores e unhas 200 cabezas de gando, o 90% principalmente da provincia. Entre as empresas relacionadas co sector primario estarán tamén presentes as de maquinaria agrícola. A feira supón tamén unha oportunidade para potenciar os negocios, a innovación e a competividade no sector primario da provincia, xa que contará coa presenza de empresas relacionadas co sector rural e gandeiro que presentarán as últimas innovacións e servizos nos sectores gandeiro e agrario. A Deputación colabora nesta iniciativa cunha achega de case 35.000€ para contribuír a visibilizar o sector primario de Lugo, un auténtico motor económico para provincia. Tamén colabora con esta iniciativa o Concello de Lugo xunto a outras entidades.

Expolugo a Rural contará cunha mostra gandeira, na que participarán as principais razas autóctonas galegas xunto a outras de ámbito nacional coa exhibición de animais vivos da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL), OVICA e ASOVEGA, AVIMÓS, VOAGA, ACRUGA, a Asociación de Cabalo de Pura Raza Galega e Can de Palleiro. Tamén contará cunha mostra agroalimentaria de razas autóctononas na que os produtores exhibirán e venderán os seus produtos. A feira compleméntase cunha mostra de artesanía con demostracións e venda de produtos artesanais e unha mostra de maquinaria agrícola, así como unha zona comercial con empresas relacionadas co sector rural e innovacións e servizos para o sector gandeiro e agrario. Haberá ademais presentacións e degustacións de produtos, charlas técnicas e exposicións, entre outras actividades.

Programa

Expolugo conta cunha ampla programación de actividades. O sábado, ás 11.15 horas, terá lugar o tradicional desfile de Gando pola Cidade de Lugo e no que participarán exemplares dos animais dos colectivos ASOPORCEL, OVICA, BOAGA, Galiña de Mos, ASOVEGA, AVIMOS, Can de Palleiro e MUVICLA -o Museo Vivo Integrado do Campo e da Locomoción Agraria de Láncara-. Ás 13.15, terá lugar a inauguración oficial de Expolugo, A Rural 2019 e ás 13.45 entregaranse os diplomas do curso de Xuíces de Raza Rubia Galega –V Memorial Luciano Sánchez. Pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase o XIII Monográfico de Can de Palleiro e tamén haberá outras actividades como o III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta e o Concurso de Exposicións de Gando de Raza Rubia Galega.

O domingo, entre as 12.00 e as 14.00 horas, celebrarase o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega. Como novidade este ano, entre as 13.30 e as 16.00 horas, Expolugo contará cunha degustación gastronómica de produtos de razas autóctonas de Galicia a cargo de 100% Feito en Galicia, elaborado polo prestixioso cociñeiro Oliver Fernández Batista, do Barco de Valdeorras. O prezo será de 3 euros e inclúe unha tapa a escoller con cabra galega, cachena, galiña de mos ou porco celta máis bebida. Expolugo tamén contempla actividades para os máis pequenos, como un paseo en cabalos de pura raza galega, que terá lugar entre as 17.00 e as 19.00. A feira rematará ás 19.00 coa entrega do premio do III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta.

0.1007239818573