Extinguido o incendio da parroquia do Burgo en Muras
A Consellería do Medio Rural informa de que o lume rexistrado no concello lugués de Muras, parroquia do Burgo, quedou extinguido.
O lume comezou o pasado domingo ás 20,35 h. e quedou finalmente extinguido ás 19,57 h. desta tarde. Segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de 83 hectáreas de monte raso. Na súa extinción participaron 7 axentes, 11 brigadas, 8 motobombas e 1 pa.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
COMISIÓNS OBREIRAS
Pola súa banda, Comisións Obreiras (CCOO) afirma que a improvisación é "a única política" da Xunta de Galicia contra os incendios forestais. Desde a fin de semana, varios incendios afectaron ou están a afectar diversos puntos da xeografía galega, como Chandrexa de Queixa, a serra do Xurés, O Barco de Valdeorras e máis recentemente na Barbanza, concretamente en Dodro e Rianxo. Malia que levamos xa dúas semanas de elevadas temperaturas para esta época do ano e baixas precipitacións, a Administración autonómica agardou ata o 24 de marzo para decretar a prohibición de queimas e outras actividades similares, que se fixo efectiva o luns.
Desde CCOO lembran que non é nada novo que se rexistren lumes en pleno de marzo, e lembra o "voraz" incendio que a finais dese mes, no ano 2012, asolou as fragas do Eume. Malia os antecedentes e a pesar dos propios rexistros meteorolóxicos de que dispón, a Xunta teima en "atrasar o máximo posible" a entrada en vigor das medidas de prevención.
O sindicato insta a Xunta a facer unha "axeitada planificación" do operativo contraincendios. Para iso, debe establecer un "diálogo real e honesto" cos axentes sociais, abordalo «con marxe de tempo suficiente» e dotar "axeitadamente de recursos humanos e técnicos este servizo público que cualifica de esencial".