Éxito do Mercado de Nadal de Guitiriz, que este ano será o epicentro das diferentes actividades

TerraChaXa
O Campo da Feira de Guitiriz está a acoller o Mercado de Nadal que este ano será o epicentro das diferentes actividades da programación de Nadal no municipio.
27 Dec 2022

O Campo da Feira de Guitiriz está a acoller o Mercado de Nadal que este ano será o epicentro das diferentes actividades da programación de Nadal no municipio.

Para iniciar do mellor xeito esta andadura, todas as persoas que fixeron hoxe unha compra no mercado foron convidadas a unha consumición de torta de millo e de viño.

O Mercado de Nadal, que estará ata o 5 de xaneiro, está acondicionado cunha decoración típica destas datas, terá un horario de 11 a 13 horas e de 17 a 20 horas. Hai seis casetas, que están ocupadas por artesáns e comercios locais, ademais de postos de hostelería.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que "a través desta iniciativa preténdese dinamizar o tecido comercial na vila, dándolle espazo ao comercio local e complementando a súa oferta con outros produtos que non se poden adquirir no municipio, e que favorece a conciliación a través das actividades gratuítas, permitindo aos pais e nais ter o tempo necesario para facer calquera tipo de recado".

Un dos principais atractivos deste mercado é a habilitación dunha caseta de actividades de conciliación gratuítas nas que os nenos poderán disfrutar de opcións como obradoiros de cociña, de manualidades ou de música con temática de Nadal e tamén un simulador de ESports.

Neste espazo tamén se instalará un gran iglú e aí será onde os Reis Magos reciban as peticións dos máis pequenos despois da tradicional Cabalgata do cinco de xaneiro. Ademais, haberá unha colaboración co banco de alimentos, un taller de orientación medioambiental e unha zona de intercambio de libros, entre outras.

0.11100697517395