Facua denuncia ao Resurrection Fest de Viveiro entre outros 40 festivais de música no Estado

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 Sep 2019

O colectivo Facua, Consumidores en Acción, denunciou ás empresas organizadoras de máis de corenta festivais e concertos, entre eles o Resurrection Fest de Viveiro, por non permitir o acceso con alimentos ou bebidas adquiridos no exterior.

Trátase de 42 eventos celebrados entre maio e agosto en nove comunidades autónomas, catro deles en Galicia, como son o Resu, o Silfest de Valdeorras, o Atlantic Fest da Illa de Arousa e Son do Camiño da Coruña. As denuncias presentáronse contra as promotoras dos eventos ante as administracións de consumo das respectivas autonomías.

Pese a que dende finais dos anos 90 as autoridades de consumo a nivel estatal e autonómico teñen consensuado que estas prácticas son ilegais, Facua considera lamentable que non actúen nunhas prácticas que se producen en numerosos eventos musicais, cines e parques de atraccións.

Ao non interpoñerse multas contundentes desde as administracións de protección ao consumidor autonómicas, estase facilitando, segundo Facua, que as empresas inflen os seus beneficios facendo que os asistentes teñan que comprar dentro dos festivais comida e bebida, a prezos xeralmente elevados.

Ata agora, a única administración que comunicou a Facua unha multa ten sido o Instituto de Consumo de Extremadura que trala denuncia multou con 3.005 euros a un cine de Badaxoz.

Advirte de que o texto refundido da lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios considera que non permitir a entrada con comida e bebida é unha cláusula abusiva, segundo o artigo 82.1.

O colectivo recomenda a quen se atope nesta situación que a denuncien e que soliciten follas de reclamación ou acudan á oficinas do consumidor na autonomía.

0.17347979545593