Fado este sábado na casa museo de Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
Este sábado, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María acolle un coloquio-concerto de Fado coa presenza do guitarrista Artur Caldeira.
concerto de fado casa manuel maria portada
11 Maio 2023

Este sábado, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María acolle un coloquio-concerto de Fado coa presenza do guitarrista e profesor da Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto, Artur Caldeira, que introducirá ás persoas asistentes neste estilo musical portugués, elevado pola UNESCO, en 2011, a patrimonio cultural e inmaterial da humanidade.

Artur Caldeira, estará acompañado polo tamén guitarrista portugués, Daniel Paredes, e pola cantora galega, Iria Estévez, que tirou, recentemente, un novo traballo “Fado Nordés”. Os tres, despois do coloquio, darán un pequeno concerto cunha mostra de variados estilos de fado. A actividade é de acceso libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Artur Caldeira, licenciado e mestre en Guitarra Clásica e Interpretación Artística, foi no Fado que encontrou unha das súas ocupacións artísticas principais, contando xa con 45 anos de experiencia. Traballou ao vivo e en estudo cos máis importantes nomes deste estilo poético-musical, participando no filme “Fados” de Carlos Saura. Ten igualmente contribuído para o xurdimento de novas voces no Fado e recentemente creou na ESMAE, onde lecciona, unha unidade curricular teórico-práctica sobre Fado.

Daniel Paredes, licenciado en Guitarra Clásica e mestre en Interpretación Artística pola ESMAE. Gravou con Ricardo Ribeiro “Hoje é assim, amanhã não sei” e coa frautista turca, Sefika Kutluer, o álbum “Sefika plays Fado”. Preséntase regularmente en dúo con Artur Caldeira, acompañando fadistas, ou como ArtDan Duo en recitais solísticos, entre outros.

Iria Estévez, é unha cantora galega, que se dedica ao fado e músicas de raíz. Conta xa cunha ampla experiencia no ámbito musical como intérprete ou como creadora de múltiples proxectos, salientando Clave de Fado ou Arifi (vencedores do Burgos, Raíz e Evolución - 2017) e agora con Fado Nordés, continúa a súa exploración no repertorio do fado e da cantiga galega.

concerto de fado casa manuel maria
0.11666083335876