Faia Díaz e Benxamín Otero ofrecen un concerto na Casa-Museo Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
Faia Díaz e Benxamín Otero partillan o amor á música tradicional nun concerto, este sábado, na Casa-Museo Manuel María
faiabenxamin conerto outeiro
4 Maio 2023

Faia Díaz e Benxamín Otero estarán partillando o amor á musica tradicional nun concerto que levarán a cabo este sábado, 6 de maio,ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María. A proposta que ofrecerán aos asistentes, e coa que xa levan percorrido, nos últimos tres anos, moitos lugares do país, combina a voz, da propia Faia, e o corno inglés de Benxamín, e tenta dialogar co presente, co público e coa memoria compartida do canto (a xusta medida da sede urxente e breve dos paxaros).

As persoas interesadas en asistiren terán de facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Faia Díaz é cantante e licenciada en Historia da Arte. Fundadora e integrante do grupo musical De Vacas desde 2015, do Coro Encaixe desde o 2016 e da compañía A Patacón desde 2017. Desde 2020 fai tamén parte, xunto a Nacho Muñoz e LAR Legido, dunha formación na que revisan o repertorio do Zeca Afonso desde unha óptica contemporánea e experimental. En 2019 viu a luz o seu primeiro traballo discográfico en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo en que presenta unha selección de arquivos tradicionais transmitidos por mulleres e reinterpretados por ela soa en diferentes espazos sonoros, baixo a produción e o deseño de son do Hevi (Fluzo, Malandrómeda).

Benxamín Otero, oboísta, formado na música clásica, non tardou en abrir as posibilidades que lle daba a música a outros terreos, non só musicais senón de outras disciplinas. Mestre de oboé e Historia da Música no Conservatorio de Lalín, tamén foi durante moitos anos mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Froito do contacto coas músicas tradicionais participa en grupos como Curitiba, Grodan defló, Linho do Cuco ou do espectáculo “Método cardiofónico” de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc... Ultimamente fixo dúo con Germán Díaz, no traballo Trece cancións bonitas, e coa propia Faia no espectáculo musical Ao cabo leirín.

0.21224594116211