Falece o académico cospeités Darío Xohán Cabana
A Real Academia Galega comunicou o pasamento de Darío Xohán Cabana Yanes, unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas e membro de número da institución. O escritor e tradutor, nado en Roás (Cospeito) no ano 1952, faleceu esta noite aos 69 anos de idade. Ao longo de máis de medio século de vida, Darío Xohán Cabana cultivou case todos os xéneros en máis de corenta títulos dirixidos tanto ao público adulto como ao máis novo, entre os que salientan obras como Galván en Saor, un dos grandes éxitos da literatura galega das últimas décadas; poemarios como Patria do mar ou Canta de cerca a morte e as traducións ao galego dos grandes clásicos de literatura italiana, Dante e Petrarca. O fondo compromiso coa lingua e a identidade cultural e política galega atravesa unha produción creativa que arrincou no eido da poesía co guieiro de Manuel María, cuxa cadeira na Real Academia Galega ocupou no ano 2006.
Darío Xohán Cabana sempre tivo presentes as súas raíces. Fillo de labregos republicanos, comezou a militar na esquerda nacionalista na clandestinidade dende moi novo e tanto o seu pensamento político como o seu lugar no mundo, a Terra Chá, deixaron unha importante pegada na súa obra. No ano 1970 publicou o seu primeiro libro de poemas, Home e terra, na colección Val de Lemos de Ediciós Xistral, dirixida polo tamén chairego Manuel María. Ese mesmo ano autoeditou Verbas a un irmao e tres máis tarde vería a luz Romanceiro da Terra Chá, prologado polo seu mestre poético, e o seu nome sería incluído por María Victoria Moreno na antoloxía Os novísimos da poesía galega. O terceiro libro de Darío Xohán Cabana foi publicado na colección Pico Sagro da Editorial Castrelos, dirixida por outro dos seus mestres, Xosé María Álvarez Blázquez, para quen traballou no selo editorial vigués entre 1971 e 1975. A edición de libros sería tamén a súa última ocupación laboral como coordinador de publicacións do Concello de Lugo ata a súa xubilación.
O contido social e as vivencias máis persoais conviven no legado poético do autor, que na forma sempre destacou polo seu gusto polos versos clásicos, dende os máis populares de Romanceiro da Terra Chá aos sonetos de Patria do mar. Con este último libro acadaría, en 1983, o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, que volveu recoller en 1986 con Amor e tempo liso. Os premios Cidade de Ourense, Cidade de Lugo ou o Martín Codax son outros dos galardóns que recibiu como poeta por títulos como A fraga amurallada, VIII fragmentos, Vidas senlleiras, Canta de cerca a morte (1994). No ano 2006 publicou Cabalgada na brétema, a súa última obra de poesía editada.
Malia sentirse ante todo poeta, dende finais dos anos 80 cultivou con éxito a narrativa, eido no que tamén mereceu distintos galardóns. En 1989 publicou unha das novelas galegas máis vendidas, Galván en Saor, unha homenaxe á literatura artúrica na que conflúen o mundo real contemporáneo e un pasado mitolóxico de Galicia e obra merecedora do Premio Xerais. Un ano despois saíu do prelo Fortunato de Trasmundi, outra novela de éxito na que transitan personaxes históricas e imaxinarias; e no 1994 volveu gañar o Xerais con O cervo na torre, título ao que seguirían Morte de rei (1996), novela en primeira persoa sobre os últimos anos de vida do rei García, e Mitos e memorias (2003). Nos anos 90 comezou tamén a publicar obras dirixidas ao público infantil e xuvenil como O avión de Cangas, finalista do Premio Merlín en 1991, O milagre das estrelas ou O castrón de ouro, Premio Barco de Vapor en 1993.
Darío Xohán Cabana destaca ademais como tradutor dos clásicos da literatura italiana, un labor recoñecido coa concesión da Medalla de ouro do Concello de Florencia no ano 1991. En 1989 publicouse a súa versión galega do Cancioneiro de Petrarca e en 1991 a d’A divina comedia de Dante, da que saíu unha nova versión en 2014 froito dun traballo de tres anos, nas súas propias palabras, continuo e obsesivo para traer ao galego os 14.000 versos hendecasílabos desta obra universal. A Vida Nova do mesmo autor e As floriñas de San Francisco, Premio Lois Tobío de tradución da Asociación Galega de Editores, son outros dos clásicos da literatura italiana medieval que se poden ler en galego grazas a el.
Aínda que en menor medida, tamén cultivou o ensaio e o xénero divulgativo. A Guía da provincia de Lugo (1998) e mais Monterroso na Ulloa (2001) asinounos xunta á súa filla Alexandra Cabana Outeiro; en 2005 publicou A chegada a Lugo do primeiro tren, onde conta o proceso que levou o ferrocarril á cidade da Muralla; e no ano 2008 saíu do prelo a biografía Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao seu valedor na etapa de Vigo.
Darío Xohán Cabana entrou na Real Academia Galega ocupando a cadeira vacante producida polo pasamento de Manuel María a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina. O 22 de abril de 2006 leu o seu discurso ingreso, titulado De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, ao que deu resposta o propio Xosé Luís Méndez Ferrín, a quen considera, xunto ao propio Manuel María e Xosé María Álvarez Blázquez, o seu terceiro gran mestre.