Fallados os segundos premios ao turismo e á gastronomía da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Fallados os segundos premios ao turismo e á gastronomía da provincia de Lugo. Poñen en valor o seu perfil, que cualifican de excelente
deputacion pazo san marcos tome
3 Sep 2021

Estes premios contribúen a dar recoñecemento, visibilidade e promoción á oferta da provincia no ámbito gastronómico e turístico.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu no Salón de Plenos a sesión extraordinaria do Consello Provincial de Turismo na que se fallaron os segundos premios á hostalería e ao turismo da provincia, instaurados por este órgano participativo e consultivo que creou a institución provincial.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense o xurado dinstinguiu o Xeoparque Mundial Montañas do Courel; a web Terras de Burón; a Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel e o Concello de Viveiro; e na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Asociación de Criadores da raza Porcina Celta (ASOPORCEL).

Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer publicamente o traballo e a dedicación das distintas empresas, persoas, institucións ou entidades a favor do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística provincial, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense. 

A decisión adoptada polo Consello Provincial de Turismo debe ser agora aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Os premios entregaranse nunha gala o vindeiro 27 de setembro, Día Mundial do Turismo.

O xurado estivo formado por 18 persoas que forman o Consello de Turismo, vinculadas a este sector e coa presenza de representantes dos tres grupos políticos da Corporación provincial.

O presidente da Deputación destacou o valor destes galardóns, cos que “contribuímos a dar recoñecemento, visibilidade e promoción á oferta da nosa provincia no ámbito gastronómico e turístico. Unha proxección que ten por obxecto atraer visitantes, xerar riqueza e fomentar o emprego, pero coa que tamén queremos incentivar a modernización do sector, que se xeren propostas novas, atractivas e adaptadas aos novos tempos”.

Con respecto ás candidaturas presentadas, José Tomé puxo en valor o seu perfil, que cualificou de “excelente” e que “reflicte moi ben o modelo de turismo cara o que avanzamos na provincia de Lugo. Un turismo sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio, a cultura, a gastronomía e a paisaxe, e que contribúe a xerar riqueza e emprego no rural a través dunha oferta cada vez máis diversificada”.

Os premiados

Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir a catro proxectos turísticos e entidades da provincia en función duns méritos e características propias que axudan a promover un turismo de calidade na provincia. Son as seguintes:

  • O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel resultou distinguido polo seu proxecto baseado no patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación, e o impulso do desenvolvemento económico e cultural a través do turismo xeolóxico. Foi declarado en 2019 pola UNESCO o primeiro Xeoparque do noroeste da Península. Conta con 23 miradoiros, cinco museos e centros de interpretación e 189 quilómetros de sendeiros, que permiten descubrir a singular xeoloxía e a biodiversidade, onde convive o ser humano dende a prehistoria.
  • A páxina web Terras de Burón (www.terrasdeburon.es/es/), impulsada polos concellos de Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, foi premiada polo xurado pola súa labor de fomento e promoción turística deste territorio da Montaña lucense. Esta páxina e as súas redes sociais adáptanse ás novas tecnoloxías e integra as TIC na experiencia turística.
  • O Concello de Viveiro resulta premiado polo seu proxecto Viveiro ante o Berce, unha iniciativa turística que se celebra época de Nadal cun importante impacto no municipio pero tamén na provincia. A Praza de Santa María acolle, nos meses de decembro e xaneiro, este nacemento de Cristo a tamaño real que recrea a vida cotiá en Belén. Entre as escenas que se representan atópanse O Misterio; a Anunciación aos Pastores; a Anunciación á Virxe; a visita dos Reis Magos; a Matanza dos Inocentes; e a Sala do Trono de Herodes. 
  • A Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, recibe o galardón ao turismo lucense por desenvolver iniciativas singulares en Galicia tras a recuperación dun espazo de turismo rural de 2 hectáreas de terreo e de infraestruturas que estaban abandonadas. Trátase dun proxecto que naceu hai unha década co obxectivo de recuperar a súa historia respectando as construcións do século XIX sen renunciar á modernidade e ás novas tecnoloxías.
  • Polo que respecta á categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, foi galardoada a Asociación de Criadores da raza Porcina Celta (ASOPORCEL) polo seu traballo de recuperación e conservación da única raza porcina autóctona de Galicia, predominante a primeiros do século XX, pero que pasou a ser unha actividade residual. Na actualidade, esta entidade traballa para a preservación do patrimonio xenético desta raza, compatibilizándoa como unha alternativa á produción e ao desenvolvemento rural. A asociación aglutina hoxe a 138 explotacións. 

Entrega de galardóns

Os premios Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense teñen un carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo que nesta ocasión será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo de Gundivós. O día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, está previsto a celebración dun acto de entrega das distincións no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. 

Na primeira edición destes galardóns, celebrados o ano pasado, foron recoñecidos o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra, co premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense;  e a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada, con ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.074618101119995