Familias denuncian a situación crítica da atención pediátrica en Castro de Rei e Cospeito

LugoXa | TerraChaXa
Alertan da perda de persoal especializado e da ausencia de substitucións no sistema sanitario
Imaxe recurso dun pediatra
20 Nov 2025

As familias de Castro de Ribeiras de Lea e Cospeito veñen de denunciar unha situación crítica na atención pediátrica da comarca, motivada pola perda de persoal especializado e pola ausencia de substitucións no sistema sanitario. No Centro de Saúde de Cospeito finalizou recentemente o contrato da enfermeira pediátrica con formación específica, e o Sergas xa comunicou que a praza non será cuberta. Esta decisión deixa ás crianzas sen unha referencia profesional fundamental e obriga ao persoal de enfermaría xeral a asumir tarefas que requiren competencias especializadas.

A esta problemática súmase a realidade de Castro de Ribeiras de Lea, que leva anos sen contar cunha enfermeira pediátrica especializada. "A pediatra responsable da atención nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei advertiu en numerosas ocasións da complexidade asistencial da zona e da necesidade dun equipo completo para garantir unha atención adecuada, tanto polo elevado número de menores como pola diversidade de perfís familiares e casuísticas que requiren un seguimento continuado" explican.

A perda da profesional especializada en Cospeito "agrava unha situación xa de por si delicada e deixa un único concello dos tres con acceso a este perfil sanitario, poñendo de manifesto as desigualdades existentes entre áreas urbanas e rurais", din. A pediatra alertou mesmo da posibilidade de solicitar traslado se non se recuperan as condicións mínimas de calidade asistencial, o que deixaría á comarca nun escenario de desprotección sanitaria total.

As familias denuncian que este proceso de desmantelamento —primeiro en Castro de Ribeiras de Lea e agora en Cospeito— evidencia o abandono progresivo do rural por parte do Sergas e compromete directamente a saúde infantil. Lembran que cuestións como a adaptación de calendarios de vacinación internacional, o seguimento de menores con necesidades específicas, a atención temperá e a prevención pediátrica dependen de profesionais con formación específica, "recursos que agora están en serio risco".

Ante esta situación, fan un chamamento urxente á Xunta de Galicia e ao Sergas para que restitúan de inmediato o persoal especializado e garantan unha atención pediátrica segura, digna e equitativa. Subliñan que as crianzas de Castro de Ribeiras de Lea e Cospeito merecen o mesmo respecto, protección e recursos que as de calquera cidade ou núcleo urbano.

⚙ Configurar cookies
0.069814920425415