Familias do CEIP Veleiro Docampo ameazan coas "medidas necesarias" se a Xunta non desdobra unha aula
As familias do alumnado que cursará segundo Educación Primaria no CEIP Veleiro Docampo, de Castro de Rei, veñen de coñecer a adxudicación de profesorado con destino provisional e que mantén a liña de non desdobrar a aula na que hai 26 alumnos.
"Recibimos con estupefacción esta decisión despois de comprobar que ao CEIP Veleiro Docampo non se lle asigna ningún mestre dos solicitados e necesarios para poder atender as necesidades básicas para o curso 2024-25, o que quere dicir, tamén, que non se poderá dividir o grupo de 2ºEP que supera a ratio legal establecida, situación que denunciabamos publicamente a semana pasada e que foi desatendida pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos".
Os pais afectados indicaron que a resolución definitiva da adxudicación de destinos coñecerase o próximo día 2 de agosto e, "se a Dirección Xeral optase por continuar neste inmobilismo adoptaremos calquera medida que sexa necesaria para lograrmos o que é de xustiza", aseguraron.
Segundo lles informaron no centro en primeira instancia, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ampárase no artigo 50.6 da Orde que regula a admisión de alumnado (DOG 212 do 8 de novembro de 2022), o cal dita que se poderá autorizar un incremento do 10 % do máximo permitido nos supostos indicados no artigo 45 da mesma orde. "O engano está precisamente neste punto, xa que ese artigo 45 refírese a matrículas realizadas en período extraordinario, e non é o caso de ningún alumno/a deste grupo, xa que 25 son de continuidade e a número 26 matriculouse en período ordinario", aclaran.
"O único que nos cabe pensar ás familias ante esta situación, é que tratan de enganarnos, aproveitando para realizar esta manobra (ilegal) a poucos días de iniciarse as vacacións do equipo directivo do colexio, e aproveitando tamén que moitas familias están tamén en desconexión estival", afirman.
Aseguran que non son os únicos e que coñecen moitos centros nesta mesma situación ou noutras similares: "recortes de aulas, profesorado, atención do alumnado con necesidades especiais de apoio educativo, transporte escolar e mesmo instalacións" explican.
"Estas accións só as podemos definir coma de cobardes. Non imos calar", conclúen.