Fegadace organiza unha charla sobre dano cerebral en Muras
Xunto coa Fegadace (Federación Galega de Dano Cerebral) o Concello de Muras celebrará o vindeiro xoves 4 de abril, de 18:00 a 19:00, unha xornada informativa no Local Social. O dano cerebral adquirido é a discapacidade resultante dunha lesión no cerebro causada, na maioría dos casos, por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico. Afecta a unhas 35.000 persoas en Galicia.
"Non ten sentido falar de discapacidade física, psíquica ou sensorial: son moitas secuelas ao mesmo tempo en diferentes graos e intensidades segundo a persoa. De aí que FEGADACE decidírase por facer un ciclo de charlas informativas en zonas rurais, para informar sobre as causas e mecanismos prevención do DCA á poboación con máis risco, ao tempo que presenta o modelo de atención e rehabilitación, así como os recursos máis próximos a cada localidade", explican os organizadores desta charla.
Este programa conta co financiamento da Consellería de Política Social a través da asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, dos fondos que as persoas contribuíntes destinan a ‘fins sociais’ marcando a ‘X Solidaria’ na declaración da renda.