Feijóo apoia en Abadín a produción ecolóxica

TerraChaXa
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou que o Plan estratéxico da produción ecolóxica impulsará, cunha achega de 50 millóns de euros, a investigación, o desenvolvemento e a innovación nun dos nichos de mercado con maior potencial para o sector primario.
presidente xunta
29 May 2018

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou que o Plan estratéxico da produción ecolóxica impulsará, cunha achega de 50 millóns de euros, a investigación, o desenvolvemento e a innovación nun dos nichos de mercado con maior potencial para o sector primario. “En total 50 millóns de euros, nos próximos cinco anos, para apoiar a produción ecolóxica, a elaboración e transformación, para a comercialización e a promoción, para fomentar estudos de investigación e para impulsar a vertebración e organización do sector ecolóxico”, aseverou.

Durante a presentación desta iniciativa, Feijóo aseverou que esta folla de ruta garantirá o crecemento sustentable a medio e longo prazo, coa previsión de acadar 230 novos contratos ata o ano 2021. Non en van, na actualidade hai un total de 1067 operadores certificados, que engloban tanto os produtores como os elaboradores.

Así mesmo, precisou que o plan aspira a incrementar en 8000 o número de hectáreas de superficie certificada de agricultura ecolóxica, chegando ás 40.000 hectáreas.

O presidente da Xunta avogou por seguir traballando conxuntamente para captar novos produtores e ampliar o seu coñecemento, fomentar a cooperación e o asociacionismo e incrementar as axudas para os custos de certificación.

En relación á comercialización destacou que o Plan estratéxico da produción ecolóxica ten como obxectivo a creación dunha plataforma en liña de compra e venda de materias primas para apoiar os operadores na cadea de distribución de produtos; internacionalizar e ampliar o coñecemento técnico a través de programas formativos específicos. E, no que respecta aos consumidores, o documento recolle o fin de promover o coñecemento dos produtos ecolóxicos entre os consumidores mediante a súa promoción no mercado interno.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que a produción ecolóxica xa non é unha moda pasaxeira nin minoritaria, como proban os datos presentados polo sector o pasado ano, ao longo do cal, os produtos ecolóxicos alcanzaron un volume de vendas de máis de 59 millóns, un 41,5% máis que en 2016.

Nesta mesma liña, cómpre subliñar, a modo de exemplo, que o prezo do leite de produción ecolóxica é un 40% superior o prezo do leite de produción estándar; e a superficie dedicada a agricultura ecolóxica incrementouse, entre 2015 e 2017, en máis dun 50%, pasando de 20.300 a 32.000 hectáreas.

A comunidade galega é a primeira en explotacións de leite ecolóxico e ocupa o primeiro posto en cabezas de aves de curral de cría ecolóxica e o segundo en produción de ovos deste tipo; ademais de destacar na produción de mexillón ecolóxico.

“Contamos tamén con 20 industrias dedicadas á elaboración de produtos lácteos ecolóxicos; e con 67 industrias de produción de carne ecolóxica, ocupando o terceiro posto no ranking estatal”, precisou.

Por último, o presidente da Xunta salientou que este novo plan propón ademais a creación dunha mesa da produción ecolóxica que vertebre a relación do sector coa Administración e incidir no apoio a fixación de poboación no rural galego, unha prioridade na axenda do Goberno galego e na que a produción ecolóxica ten un papel capital.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18733501434326