Feijoo pide en Vilalba o voto para Baamonde
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, durante un mitin en Vilalba, pediu o voto para que nos gobernos estean representados moitos veciños e non se repartan entre moitos partidos que os paralizan.
Así, avogou porque todos os que queren para os gobernos dos seus concellos moderación, centralidade e xestión unan o seu voto no Partido Popular, a única forma de poñer fin a unha política ditada polas Mareas e o BNG. Neste senso, Feijóo remarcou que a combinación de socialistas, populistas e nacionalistas só trae parálise, enfrontamentos e máis impostos e que só nos concellos gobernados polo Partido Popular hai gobernos para as maiorías e non imposicións extremas destas formacións.
Así, o presidente dos populares galegos incidiu en non volver cometer o erro das pasadas Eleccións Xerais, xa que a división do voto acabará beneficiando que haxa un reparto do goberno entre o BNG, as Mareas e o PSOE, en lugar de ter gobernos para todos, que é o que demandan os veciños. Por iso, sostivo que a única alternativa aos gobernos tripartitos é o voto directo ao Partido Popular.
Feijóo recalcou que se os millóns de españois que non votaron a Pedro Sánchez presidente do Goberno unen, o próximo domingo, o seu voto no Partido Popular poderán celebrar que teñen alcaldes máis próximos ás súas ideas. Porque, tal e como apuntou, do que se trata é que unha maioría de veciños poida saír gañando cun mellor programa, mellor xestión, mellor equipo e un mellor alcalde.
Por iso, salientou que coa división do voto perderán todos aqueles que preferían ao candidato do PP como alcalde, en lugar dun rexedor que saia da suma de nacionalistas, populistas e socialistas.
O APOIO PARA O GRAN PARTIDO DE GALICIA
Feijóo pediu o apoio dos veciños para “o gran partido de Galicia”, o que está en cada concello e en cada parroquia, o que ten candidatos con experiencia e conta cun proxecto ilusionante. Neste senso, dixo que todo ese apoio se lles devolverá en esforzo, perseveranza, traballo, ilusión, respostas e resultados.
Así, avogou porque todos os que queren que o seu concello avance depositen a súa confianza no Partido Popular: o partido que está ao servizo de España, de Galicia, dos concellos e de todos os veciños.
MANUEL FRAGA, EXEMPLO DE CORDIALIDADE E TRABALLO
Feijóo, tras destacar o formidable traballo do PP de Vilalba neste mandato, salientou que este partido é garantía de futuro para este concello. Por iso, subliñou que, fronte aos que se presentan para perder pero agardando que ao PP lle falte un voto para poder gobernar, a alianza de Agustín Baamonde cos seus veciños é o que permitirá revalidar a maioría absoluta.
Do mesmo xeito, referiuse a Manuel Fraga e asegurou que, por moito que voten as Mareas de Podemos, o BNG e o PSOE mocións na súa contra, nunca poderán deixar sen efecto as votacións democráticas dos galegos coas que Fraga lles gañou elección tras elección. Fixo fincapé, ademais, en que é pai da Constitución, que foi 16 anos presidente autonómico e fundador dun dos grandes partidos da democracia española. Por iso, destacou que, ante a falta de ideas, os complexos, o revanchismo e o sectarismo, “temos o exemplo de cordialidade e de traballo” de Manuel Fraga.