Feira do poldro: pasado e presente

TerraChaXa
Fachenda é o que senten os veciños e veciñas de Muras da súa Feira do Poldro.
impulsores feirapoldro
20 sep 2017

Fachenda é o que senten os veciños e veciñas de Muras da súa Feira do Poldro. E este ano celebrarase a trixésima edición desta cita que se poñía en marcha por iniciativa do ex alcalde José López Soto, pero que non sería posible sen a colaboración de moitos veciños e veciñas de distintas partes o municipio.

Soto recorda que “os demais concellos da contorna tiñan unha feira da que chufar” e quería que Muras tamén tivera unha. Así, pensando nalgo “xeitoso” para o municipio propuxo a “aplaudida” celebración da “feira do poltro” en comisión de goberno que máis tarde se aprobaría en pleno e tamén contaría coa colaboración da delegación de Agricultura, Gandería e Montes.

O seu obxectivo principal era a posta en valor da materia prima coa que contaba o municipio e a comarca en xeral. Así, supuxo un beneficio que repercutiría nos veciños e veciñas que non se verían na necesidade de trasladar aos seus animais a outros lugares para a súa venda. Ademais serviría para “a posta en valor da carne de poldro considerada de segunda”, como indica Toñito Carballal, propietario dunha explotación equina e colaborador na primeira edición da feira nos labores de carniceiro.

Así, antes da chegada do outono -a mesma data que se conserva para a súa celebración na actualidade- veciños e veciñas de diferentes idades involucráronse nos preparativos da cita: a construción dos curros no alto da Gañidoira –na que se empregaron palancas de madeira de pino e estacas- ou a construción doutras casetas e espazos para a degustación da carne, a propia preparación da carne, a atención ao público, etc.

“Había que facer algo de todo para axudar”. Nesas tarefas tamén colaboraba José Cabarcos, concelleiro do equipo de goberno do momento. E coma el moitos outros veciños. José Cal incorporouse na segunda edición nas tarefas de axuda á organización nas que tamén ten colaborado Miguel Bouza que recorda, sobre todo, as festas que o seu grupo de amigos celebraban coincidindo coa feira nunha caseta de madeira de dous pisos e con balcón construída por eles mesmos que chamaba a atención de veciños e curiosos e que reparaban cada ano mentres non constituíu un perigo para os seus usuarios.

De festa tamén viña o equipo da cociña. Despois dunha voda que se celebrara o día anterior da feira, a cociñeira do colexio Inés Chao coa axuda de Manolita Bermúdez achegáronse á cociña do centro de ensino para preparar a carne asada que se serviría na feira ao día seguinte. “Estivemos ata as cinco da madrugada cociñando porque o cociñeiro de Bravos que chamara o Concello tamén se retrasara”, segundo indican ambas. Para as tarefas de despece dous dous poldros e un becerro contaron con Toñito Carballal.

Esta colaboración voluntaria é, para a tenente de alcalde do municipio e principal responsable da organización desta feira, Belén Chao, “un claro exemplo de participación veciñal”. E con morriña recordan os veciños e veciñas un dos problemas do municipio: o seu despoboamento. “Daquela eramos 1.700 habitantes, mentres que agora só quedamos 700”.

Tamén o gando cabalar que mantén limpos os montes contribuíndo na prevención contra os incendios forestais foi a menos no municipio deixando espazo ás explotacións bovinas. Ese foi un dos factores que determinaron certos “baixos” nesta feira que cada vez conta con menos xinetes que participen nas carreiras que nas primeiras edicións contaban con numerosos veciños do municipio entre os que destaca “o Rubio” e a súa “Cuca” como vencedores en diversas edicións. Outra das complicacións que deberon afrontar os gandeiros foi a do saneamento gandeiro que dificultaba, nos seus primeiros anos, o traslado de gando vacún. Agora, Toñito Carballal indica que “tamén o exceso de requirimentos na identificación individual do gando cabalar dificulta as operacións na feira”. E, a maiores deste, o sector tamén se ve afectado polas baixas provocadas polo lobo.

A pesar de que tampouco o tempo acompañaba para a súa celebración nuns primeiros anos “terribles”, como os define Agapito Pernas, a cita foise consolidando. Xa na primeira edición víronse “desbordados” pola afluencia de público despois de ter realizado moita propaganda e convidado aos altos mandos que se acercaron dende Lugo.
Agora, 30 anos despois, mantén a súa esencia: a compravenda do gando cabalar –aínda que estas transaccións na actualidade non se realizan exclusivamente nas feiras-, a degustación de carne de poldro e as carreiras de cabalos. Polo camiño foise perdendo a degustación da carne de tenreira, pero a programación mantívose no tempo incluíndo no seu nome ao “gando bravo do monte” e tamén unha verbena coa que poñer remate á festa.

De feito, nas últimas dúas edicións incluso incrementou os seus atractivos dirixidos “tanto á xente do rural coma á dos ámbitos máis urbanos” como defende o alcalde do municipio, Manuel Requeijo.

Curiosidades
O Concello chegou a barallar a celebración de dúas feiras: unha na primavera para a compra de gando e outra en outono para a súa venda.

Por aquel entón as feiras eran os principais puntos de compra-venda de animais. Para o seu transporte, era preciso requirir os servizos de quen dispuxera de medios. Por iso, o Concello instalara unha caseta telefónica na que veciñas da zona actuaban como telefonistas. É o caso de Mariluz Guerreiro que cobraba as chamadas “por pasos”.

Festa de Interese Turístico de Galicia
Ante a singularidade da Feira do Poldro e Gando Bravo do Monte de Muras, o Concello impulsa a súa declaración como Festa de Interese Turístico Galego. Xa foron iniciados os trámites coa presentación dun informe no que se traslada constancia dos seus case trinta anos de vida cunhas características “que non se dan en ningunha outra feira”, segundo defende o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Mario Rouco.

0.19681715965271