Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá volveu brillar nunha xornada primaveral
A celebración da XXX Feira do Queixo e Pan de Ousá, no concello de Friol, foi un novo éxito, con miles de persoas e os produtos á venda practicamente esgotados. Destacaba o feito de que esta é a segunda na que ten o título de Festa de Interese Turístico Galego.
No encontro deste ano participaron miles de persoas que puideron degustar algunha das mostras gratuítas ofertadas por preto de 60 queixerías e cinco panaderías da zona. En total vendéronse arredor de 13.000 queixos e máis de 3.500 pans.
O eixo principal da feira volveu situarse como en anos anteriores na praza Andón Cebreiro para a exposición de produtos. Ao redor da carpa situáronse outros postos de venta dos diferentes produtos agroalimentarios do municipio e tamén produtos artesanais e do téxtil, repartidos pola praza Rosalía de Castro.
A programación da xornada completouse con concertos, un obradoiro de cociña para nenos e actividades para todas as idades malia que a compra do queixo e o pan e a súa promoción foi o eixo principal da xornada. A música de Comando Curuxás e a orquestra Marbella completaron a programación.
As deputadas no parlamento galego do BNG, Olalla Rodil e Montse Valcárcel, e diversos membros da organización en Friol visitaron a feira do queixo e pan de Ousá.
Olalla Rodil declarou “a Feira do Queixo de Friol e o Pan de Ousá é unha boa mostra do que Friol é capaz de conquistar, as potencialidades e as oportunidades para desenvolver proxectos de transformación do sector primario son tantas que non podemos deixar que nolas arrebanten”.
Neste senso, a deputada nacionalista salientou "para que este país siga medrando temos que seguir apostando polo noso, desde o BNG defendemos a necesidade de recuperar as terras para poñelas a producir, mais tamén, ordenar o noso monte” e incidiu “non podemos deixar de lado a nosa soberanía alimentar e o apoio a xente moza para dar continuidade nos proxectos ligados á actividade agro-gandeira”.
Por outra banda, Olalla Rodil felicitou a todas e todos os produtores que están a traballar cada día para que Friol sexa unha referencia na produción alimentaria de calidade “é un orgullo que nos concellos do noso país haxa xente que transforma o que a terra nós dá, e que continúen co compromiso de producir aquí, e amosar que a tradición, o amor polo propio e bo facer son as chaves dunha sociedade que avanza”.