Felicitacións e un balance positivo na Copa da Raíña de Fútbol Sala Feminino de Burela

TerraChaXa | AMariñaXa
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, fai unha valoración moi positiva da celebración da Copa da Raíña de Fútbol Sala Feminino en Burela a pasada fin de semana.
18 Xuño 2019

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, fai unha valoración moi positiva da celebración da Copa da Raíña de Fútbol Sala Feminino en Burela a pasada fin de semana. Felicita ao Pescados Rubén FSF pola consecución deste título e agradece a labor realizada polos traballadores do club burelés e do Concello.
O edil dixo que “desde o Concello estamos encantados de cómo saíu todo. A nivel deportivo non puido saír mellor porque chegaron á final dous equipazos de fútbol sala feminino, que nos deleitaron cunha extraordinaria final. Tivo toda a emoción, todo o que se pode dar nun partido para que sexa atractivo deuse nese partido e finalmente as nosas guerreiras conseguiron alzarse con esa Copa. Fíxonos moita ilusión”.
No capítulo de felicitacións Ramiro Fernández Rey sinalou: “o primeiro é felicitar a este equipo por todo o que está a facer esta tempada. A nivel deportivo puidemos ver ás mellores xogadoras do mundo do fútbol sala estiveron en Burela. A xente quedou contenta e o feito de que o pavillón estivera cheo todos os días así o demostra. A nivel organizativo quero felicitar aos traballadores do Burela FS, que fixeron un traballo extraordinario, deixaron o listón moi alto e a xente da Federación foi moi contenta para Madrid. Un dez en organización. Non houbo ningún tipo de problema nin de incidente, pasou moita xente por Vista Alegre e iso quere dicir que a estrutura do club funciona moi ben. Tamén quero felicitar aos traballadores do Concello que estiveron atentos a todo o que puido pasar no pavillón, incluso dalgunha dificultade técnica xurdida de última hora e que solucionaron sen ningún tipo de problema e con rapidez, a todos os traballadores do Concello que estiveron atendendo o pavillón para que estivese limpo e en condicións. Tamén felicitar e agradecer a colaboración da Garda Civil e da Policía Local e á xente de Protección Civil que estivo alí atenta a que non houbera ningún tipo de problema”.
O concelleiro de Deportes engadiu: “estamos encantados, pasamos con moi boa nota o exame e demóstrase unha vez máis, despois de ter xa celebrado aquí campionatos de España, que Burela pode acoller este tipo de eventos. Os clubs están máis que preparados e teñen a estrutura suficiente para poder afrontar estes retos. Congratularnos todos do éxito ademais do deportivo do tema organizativo. Estaremos atentos, en canto se dea a posibilidade, de traer un evento destas características para Burela. Temos que recordar que non só se beneficia o pobo, senón que quen mais se beneficia é a hostalería e o comercio, os hoteis tiveron un cheo absoluto durante estes días. Estamos a falar do turismo deportivo, polo que tamén estamos a apostar, e penso que agora mesmo Burela é un claro referente deportivo na Mariña e na provincia de Lugo”.

0.08437180519104