Felipe Orts logra nas Pontes o seu séptimo campionato de España de ciclocrós
O Campionato de España de Ciclocrós pechouse en grande nas Pontes, cunha nova exhibición de Felipe Orts, que sumou o seu sétimo título nacional, e a consagración de Sofía Rodríguez, que conseguiu o seu primeiro campionato na categoría élite. En sub-23, Miguel Rodríguez e Marta Beti foron os grandes triunfadores, mentres que Benjamín Noval cumpriu as expectativas na categoría júnior.
Na proba masculina élite, Orts impuxo un ritmo imparable desde o primeiro terzo do circuíto, aproveitando as zonas máis embarradas para distanciarse dos seus rivais. A loita pola prata protagonizárona Mario Junquera e Jofre Cullell, sendo este último quen conseguiu finalmente a segunda posición. Orts cruzou a liña de meta celebrando efusivamente o seu sétimo título, converténdose no ciclista con máis campionatos nacionais da historia do ciclocrós en España.
Na categoría feminina, Sofía Rodríguez rompeu a hexemonía de Lucía González, quen sufría unha avaría no ecuador da proba. Rodríguez tomou a dianteira nunha zona técnica e consolidou a súa vantaxe para coroarse campioa de España, acompañada no podio por González, que se levou a prata, e Sara Cueto, que obtivo o bronce.
En sub-23, Miguel Rodríguez dominou con autoridade, mentres que Marta Beti liderou de principio a fin na súa categoría, acompañada no podio por Marta Cano e Claudia San Justo. Na carreira júnior, Benjamín Noval confirmou o seu favoritismo cunha exhibición sólida que lle outorgou a vitoria, seguido por Raúl López e Raúl Puelles.