Felipe Senén ofrece este venres unha conferencia en Vilalba
O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), continuando coa súa programación anual, organiza para o venres 3 de xuño de 2022, ás 20:00, unha conferencia de Felipe Senén López Gómez, historiador da cultura galega, que leva por título: O patrimonio cultural galego, estado da cuestión: tradición, creación e aculturación.
Presentará o acto Marisa Barreiro, presidenta da entidade.
Felipe Senén López Gómez fixo os seus primeiros estudos no Carballiño e no Instituto de Ourense, onde traballou como colaborador do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, dirixido entón por Xesús Ferro Couselo. Estudou Filosofía e Letras, especialidade de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, ao tempo que facía prácticas de museoloxía e arqueoloxía co historiador Manuel Chamoso Lamas, así como na creación, instalación e posta en funcionamento do Museo das Peregrinacións, e do Museo do Ribeiro; participou igualmente como supervisor de campo nas prospeccións arqueolóxicas do Castro de Viladonga (Castro de Rei) e mais nas da ermida de San Guillermo de Fisterra.
En 1975 pasou a reorganizar aspectos no Museo Arqueolóxico da Coruña, localizado no Castelo de Santo Antón, e chegou a ser nomeado director-conservador. No 1996 pasou á Deputación da Coruña como Técnico de Xestión Cultural.
Foi fundador da asociación cultural Avantar do Carballiño, de Alexandre Bóveda na Coruña e da revista de pedagoxía O Ensino, coas que colaborou con artigos de divulgación e sensibilización sobre o patrimonio cultural de Galicia; é o creador e animador de Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña, inspiradora e base de Amigos dos Museos de Galicia. Preocupado pola linguaxe simbólica na tradición galega, así como pola posta en valor do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, ten participado en múltiples publicacións, artigos nos medios de comunicación de Galicia, folletos, guías, programas de radio, TV, prólogos etc. É autor de varios libros, especialmente sobre cuestións en relación coa identidade cultural e recursos turísticos.
A entrada e libre ata cubrir o aforo estipulado, téndose en conta sempre as medidas sa nitarias estipuladas en cada momento.