Félix Julio Novo dirixirá ao primeiro equipo do Concello de Begonte FS
O Concello de Begonte FS presentou ante a afección a quen ocupará o cargo de adestrador do primeiro equipo na tempada 2022/23.
Tratáse de Félix Julio Novo, o que foi o técnico do CD Lugo Sala na liga Preferente e de Terceira División e que levaba xa un ano sen adestrar tras deixar o cargo por motivos persoais.
Félix Julio substitúe a David Pena, quen comunicara xa ao principio da tempada que vén de terminar a súa intención de deixar a dirección do primeiro equipo para centrarse nos labores de coordinación do club e na xestión dos equipos da base.
O Concello de Begonte continuará o próximo ano na categoría de Terceira, na que rematou na oitava posición tras 30 xornadas nas que sumou 12 vitorias e 5 empates, quedando fóra da zona de perigo durante todo o curso.