Feridos os dous ocupantes dun camión tras envorcar en Begonte
Os dous ocupantes dun camión resultaron feridos tras envorcar ao paso da localidade lucense de Begonte. Foi o mesmo condutor quen, ao fío das sete da mañá deste martes, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que lle acababa de envorcar o camión e que estaban atrapados no seu interior.
De inmediato, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Vilalba, á Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Guitiriz.
No transcurso da chamada, outros alertantes informaban tamén ao CIAE dun camión envorcado á altura do punto quilométrico 517 da A-6, dirección Ferrol. Aseguraban ademais, que estaban axudando a un dos ocupantes a saír do vehículo pero a outra persoa estaba atrapada.
Finalmente, unha vez no punto, os axentes confirmaron que os dous ocupantes puideron ser evacuados, sen ser precisos os medios de excarceración.