Fernando Suárez cualificou de éxito rotundo a campaña da moeda local, a Pancha

TerraChaXa | AMariñaXa
A campaña da moeda local de Ribadeo, a Pancha, rematou o domingo e deixou no pequeno comercio da vila máis de 65.
11 Maio 2019

A campaña da moeda local de Ribadeo, a Pancha, rematou o domingo e deixou no pequeno comercio da vila máis de 65.000 euros nun mes. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “foi un éxito rotundo”.

A campaña de apoio ao comercio local que supuxo unha inxección de 10.000 euros por parte do Concello e que garantía un gasto mínimo de 40.000 euros no pequeno comercio resultou todo un éxito tanto desde o punto do impacto do gasto como da imaxe de marca deste sector en Ribadeo, así como da unión e adhesión de establecementos, foron un total de 83 os que participaron na campaña das Panchas.

O rexedor dixo que “esta campaña, que se puxo en marcha o 5 de abril e que rematou o pasado domingo, foi unha gran aposta do  goberno municipal a prol deste sector tan importante na nosa localidade.  A rápida venta da moeda local, que comezou o pasado 4 de abril en ABanca, xa presaxiaba o que finalmente se confirmou, pois os 1.000 packs de Panchas que se puxeron á venta desde o Concello, nunha campaña pioneira e innovadora na que colaboraron ABanca e Acisa, voaron en poucos días e puxeron en Ribadeo 40.000 Panchas/euros a rodar durante un mes”. Suárez Barcia subliñou: “hai que ter en conta que o  gasto real realizado no comercio foi maior. A falta de que rematen as validacións o próximo 20 de maio, o movemento contabilizado ata o de agora superou os 65.000 euros”.

O alcalde ribadense sinalou que “esta campaña planificouse como necesaria e positiva para comezar a falar de algo fundamental como é o comercio local e de barrio, principal axente dinamizador da vida nas vilas e activador da economía local no seu conxunto, e sector fundamental en Ribadeo”.

Fernando Suárez engadiu que “desde o Concello queríamos facer unha campaña específica para o comercio, un sector básico na nosa vila, e reforzar a idea de que o futuro do comercio local e polo tanto do dinamismo e da vida da vila, dependen das nosas decisións conscientes de consumir en clave local, de aí o noso manifesto que acompañou a esta campaña. Esta campaña, na que puidemos comprobar a gran satisfacción tanto por parte das persoas comerciantes como das persoas clientes, demostrou a forza que ten o noso comercio, visibilizando a grande oferta e diversidade que existe en Ribadeo, e o motor económico e social que supón o comercio de proximidade para o futuro da nosa vila”.

0.10571694374084