Fin de semana de actividade en San Martiño de Pino con teatro e a festa Prefin de ano


A Asociación Veciñal Recreativo Cultural de San Martiño de Pino continúa esta fin de semana co seu programa de Nadal no que se celebran dúas citas.
Este sábado, a Escola de Pino acollerá a celebración do Pre-Fin de Ano, unha proposta festiva destinada á veciñanza. Na mesma haberá pinchos desde as 18.30 horas e as badaladas ás 20.00. Media hora despois haberá chocolate con churros.
Xa o domingo representarase na mesma escola a obra de teatro Os apuros dun pobre zapateiro, da compañía Augas do Sil, un espectáculo familiar con acceso libre ata completar aforo que dará comezo ás 17.00 horas.
A programación culminará o 4 de xaneiro coa chegada dos Reis Magos á Escola de Pino, nunha actividade infantil que inclúe un taller para o que será necesaria a inscrición previa. Con este conxunto de propostas, a asociación busca dinamizar a vida cultural da parroquia e ofrecer alternativas de lecer para todas as idades durante as festas do Nadal.