Fin de semana de cine para todos os públicos nas Pontes

TerraChaXa
A Casa Dopeso acolle as proxeccións de 'Los Futbolísimos 2' e 'Una batalla tras otra' o sábado e o domingo
AS PONTES cine novembro
7 Nov 2025

A Casa Dopeso das Pontes converterase esta fin de semana no epicentro do cine local cunha dobre proposta para todos os públicos. O sábado 8 e o domingo 9 de novembro proxectaranse dúas películas moi distintas pero igualmente atractivas: Los Futbolísimos 2 - El misterio del tesoro pirata e Una batalla tras otra.

A primeira sesión, dirixida a público familiar, será Los Futbolísimos 2 - El misterio del tesoro pirata, unha nova entrega das aventuras de Pakete e os seus compañeiros do Soto Alto FC. Nesta ocasión, os rapaces veranse inmersos nunha trama chea de misterio, unha estafa inmobiliaria e un roubo a un banco que porá en perigo tanto a súa amizade como o traballo do pai de Pakete. A película proxectarase o sábado 8 e o domingo 9 ás 17.00 horas.

Para os amantes do cine máis intenso, Una batalla tras otra ofrecerá unha historia de loita e redención. O filme narra o regreso dun ex revolucionario ao combate político e persoal, nun contexto cargado de tensión, racismo e violencia militar. A película, inspirada na novela de Thomas Pynchon de 1990, proxectarase o sábado ás 19.00 e 22.00 horas, e o domingo ás 19.30 horas.

As sesións terán lugar na Casa Dopeso e as entradas poden adquirirse a través da web. Desde o Concello das Pontes anímase á veciñanza a gozar dun fin de semana de cine e entretemento en boa compañía.

⚙ Configurar cookies
0.069391965866089