Fin de semana de observación de ceos en Muras
A Sociedade Galega de Historia Natural e a Asociación Fotografa Ferrolterra organizan en Muras unha noite gratuíta de observación astronómica para familias do 27 ao 28 de agosto, con acampada incluída se se desexa.
O lugar elixido é un emprazamento único en Galicia, xa que o ceo desta localidade lucense conta co distintivo de Destino Turístico Starlight polos seus baixos niveis de contaminación lumínica.
O programa de actividades comezará ás 20:00 horas, coa distribución dos espazos de acampada, que estará seguido pola charla sobre telescopios e aparellos de observación a cargo do coordinador xefe da sección de astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Marcos López, ás 20:45 horas.
Ás 21:20 horas os asistentes realizarán unha parada para cear, que correrá a cargo de cada un deles, e ás 21:30 horas comezará a proxección da película O noso último verán en Escocia grazas á colaboración da Deputación de Lugo e o Concello de Muras.
A actividade continuará cunha charla ás 23:10 horas sobre a contemplación dos ceos impartida por Paulino Gasalla, da SGHN, e co que será a última e unha das partes máis esperadas da noite: unha actividade de fotografía e observación con telescopios ás 00:00 horas.
Aquelas nenos e nenas, acompañados polos seus proxenitores, que desexen pernoitar no lugar poderán facelo e na mañá gozarán dun almorzo tamén gratuíto a cargo da organización.
As inscricións deberán formalizarse no Concello de Muras, chamando ao 982 500 001 en horario de 09:00 a 14:30 horas ata o sábado 27.