Finaliza a campaña do Día do Pai en Vilalba cun balance moi positivo

TerraChaXa
As persoas premiadas nesta campaña foron Irene Díaz e Cristina Feijoó, que resultaron gañadoras dos vales “Saúde e Gastronomía”
asociacion-empresarios-vilalba
25 Mar 2026

A Asociación de Empresarios de Vilalba fai balance moi positivo da campaña do Día do Pai “Cando sexas pai… xa o entenderás”, desenvolvida entre o 12 e o 21 de marzo nos establecementos asociados do municipio.

A iniciativa, centrada en poñer en valor a transmisión de valores entre xeracións e fomentar o consumo no comercio de proximidade, acadou unha notable participación por parte da cidadanía, rexistrando un total aproximado de 3.000 participacións ao longo dos case dez días de campaña.

Durante este período, as persoas que realizaron compras nos comercios participantes puideron obter participacións para o sorteo final en función do importe das súas compras, incentivando así a actividade comercial no conxunto do tecido empresarial local.

Unha vez finalizada a campaña, procedeuse á recollida e contabilización de todas as participacións, tras o cal se celebrou o sorteo dos dous premios anunciados previamente a través das redes sociais da asociación.

Nesta ocasión, a “man inocente” encargada de extraer as papeletas gañadoras estivo presente nos establecementos O Rincón Encantado e Denais, garantindo a transparencia do proceso.

As persoas premiadas nesta campaña foron Irene Díaz e Cristina Feijoó, que resultaron gañadoras dos vales “Saúde e Gastronomía” para o Spa Áttica 21 de Vilalba, unha experiencia que combina benestar e gastronomía.

Desde a Asociación de Empresarios de Vilalba quérese agradecer a implicación tanto dos comercios participantes como da veciñanza, cuxa resposta volve demostrar o compromiso co comercio local e a importancia deste tipo de iniciativas para dinamizar a actividade económica do municipio.

Esta acción enmárcase dentro da programación anual do Centro Comercial Aberto, que continuará nos vindeiros meses con novas campañas orientadas a seguir apoiando e fortalecendo o comercio de proximidade.

0.1310830116272