Finaliza unha nova edición do programa da Universidade Sénior da UDC nas Pontes

As instalacións da Universidade Sénior en Normal, acolleron o acto de clausura da 7ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña para as persoas maiores de 50 anos das Pontes, coa entrega de diplomas que contou coa presencia do Vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canle López; a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez; e maila concelleira de benestar social, igualdade, educación e contratación do Concello das Pontes, Tania Pardo Cabarcos.
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, puxo en marcha, co financiamento da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello das Pontes de García Rodríguez, unha nova edición do programa de formación universitaria específico para as persoas adultas maiores da comarca, que se desenvolveu no Centro Sociocomunitario das Pontes, durante os meses de marzo e abril.
Un total de 64 persoas maiores de 50 anos inscribíronse para participar neste programa, que finalizou cunha completa xornada de visitas culturais e actos académicos que abrangue as visitas ao edificio de Capitanía Xeral, o Museo Histórico Militar, o Aquarium Finisterrae, e unha clase maxistral sobre actividade física nas instalacións da Universidade Sénior na Coruña, no edificio Normal.
Con esta iniciativa, a Universidade Sénior continúa achegándose un ano máis á poboación maior das Pontes, respondendo ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a súa primeira edición en 2018.