Finalizadas as obras de rehabilitación integral do CEIP de Riotorto

TerraChaXa | AMariñaXa
Incrementouse a eficiencia enerxética para facilitar o confort e a funcionalidade
CEIP-Riotorto-2
21 Dec 2024

Finalizan as obras de rehabilitación integral do CEIP de Riotorto, para as que Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinou un orzamento de 530.000 euros. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto de inauguración organizado polo centro, onde enmarcou esta actuación “no forte impulso que lle está a dar a Xunta á modernización dos colexios e institutos da provincia”.

“Con estas obras as instalacións educativas non só incrementan a eficiencia enerxética, senón que tamén gañan en confort e funcionalidade para responder mellor ás necesidades do día a día”, apuntou. No que atinxe ás actuacións realizadas no CEIP Riotorto, orientáronse principalmente a reducir o consumo enerxético. Para iso acometeuse o illamento da fachada con sistema tipo SATE, a substitución da caldeira de gasóleo por unha de biomasa e a renovación das carpintarías da planta baixa -incluíndo persianas e caixas de persianas- para reducir a permeabilidade do aire.

Así mesmo, no interior instaláronse luminarias LED con regulación lumínica en aulas e detectores de presenza en zonas comúns e aseos; e colocáronse falsos teitos con illamento acústico en distintas dependencias, entre outras medidas.

Tamén se levaron a cabo outras tarefas, como a substitución do lucernario de policarbonato ondulado que se atopa entre o colexio e o polideportivo por un de policarbonato compacto, a reparación de zonas puntuais da cuberta e do revestimento das paredes, ou o cambio dos canlóns e baixantes de augas pluviais, para unilos ao saneamento existente. Así mesmo, pintouse o interior do colexio, entre outras accións.

Arias apuntou que todas estas melloras prográmanse no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta. Dentro deste programa, neste curso realízanse melloras en 112 centros educativos da provincia por importe de 7,2 millóns de euros, que se atopan en distintas fases de execución.

0.094795942306519