Financian a mellora de establecementos turísticos en Ribadeo e O Valadouro
A Xunta de Galicia vén de aprobar axudas que suman preto de 150.000 euros para financiar actuacións de mellora das instalacións de once establecementos de aloxamento e restauración da provincia de Lugo.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se enmarcan na orde de achegas destinadas a renovar e modernizar infraestruturas, o que contribúe a reforzar a calidade dos servizos que ofrecen estes negocios e a aumentar a súa competitividade.
Na liña destinada aos aloxamentos, os beneficiarios son cinco establecementos de Portomarín, O Valadouro, Vilalba e Pantón, que perciben en total 77.400 euros. En canto ao ámbito da restauración, destínanse 68.750 euros a financiar seis actuacións en Monforte de Lemos, Carballedo, Chantada, Ribadeo e Lugo.
Esta orde permite apoiar aos beneficiarios ata o 35% do seu investimento, cun máximo de 35.000 euros. Na provincia de Lugo fináncianse proxectos de ampliación, de instalación de enerxías renovables para favorecer o aforro enerxético, de mellora e modernización de infraestruturas, de embelecemento do entorno, de renovación de equipamento e dúas iniciativas encamiñadas a subir a categoría dos establecementos.
Esta convocatoria anual de axudas, salientou Arias, serve de apoio para que os negocios poidan “facerlle fronte á necesidade de adaptar as súas infraestruturas e instalacións a través da incorporación de elementos de sustentabilidade e accesibilidade, a renovación das instalacións e a implementación dos estándares de calidade demandados polo mercado”. Tamén subliñou que “os investimentos en calidade e medio ambiente axudan a optimizar os custos empresariais”.