Firmado o convenio para a creación de 20 novas prazas de FP no IES Castro da Uz

TerraChaXa
O instituto Castro da Uz das Pontes de García Rodríguez sumará 20 novas prazas coa implantación do ciclo medio de Soldadura e caldeiraría
IES CASTRO DA UZ AS PONTES
12 Jul 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o director xeral de Nervión Naval Offshore, Roberto Bouzas, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha de sete programas de FP Dual na comarca de Ferrolterra o vindeiro curso con máis de 50 prazas.

Durante o acto, ao que tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o responsable autonómico de Educación celebrou que este novo acordo reforce a oferta académica dos concellos de Ferrol, As Pontes de García Rodríguez e Fene cunha modalidade “a medida das necesidades das empresas que permiten capacitar e preparar ao noso alumnado para os requirimentos dos sectores produtivos con perfiles diversos adecuados á demanda integral de profesionais que van desde a loxística ata a soldadura ou a mecatrónica”.

Neste senso, o conselleiro agradeceu a implicación de empresas como Nervión Naval Offshore, que colaboran co Goberno galego para seguir impulsando a FP Dual para que siga sendo un modelo referencial “e a primeira opción académica para moitos alumnos en Galicia”. Gabou tamén o traballo dos docentes e equipos directivos destes centros polo seu compromiso con este tipo de ensinanzas máis prácticas e pegadas á realidade do mercado laboral.

Ademais de representantes de Nervion Naval Offshore, tamén estiveron Enrique Pazo, director do Centro Integrado de FP Ferrolterra; Fernando López, director do Centro Integrado de FP Rodolfo Ucha Piñeiro; José Antonio López, director do Instituto Castro da Uz, e Xoán Manuel Vázquez, director do Instituto de Fene.

No caso do Ferrolterra, poranse en marcha tres proxectos que suman un total de 28 prazas. En concreto, o centro impartirá o ciclo medio de Soldadura e caldeiraría e os ciclos superiores de Mecatrónica industrial e Deseño en fabricación mecánica.

O Centro Integrado de FP Rodolfo Ucha Piñeiro, tamén no concello de Ferrol, sumará dous proxectos ao ofrecer catro prazas nos ciclos superiores de Transporte e loxística e Administración e finanzas.

Pola súa banda, o instituto Castro da Uz das Pontes de García Rodríguez sumará 20 novas prazas coa implantación do ciclo medio de Soldadura e caldeiraría, mentres que no de Fene ofreceranse dúas novas prazas para cursar o título superior de Mecatrónica Industrial.

0.16451287269592