Fixeron unha roza reivindicativa na contorna da Torre de Caldaloba
Representantes de entidades da Terra Chá e de concellos lindeiros levaron a cabo un acto reivindicativo que consistiu na roza da contorna da torre de Caldaloba. Con esta acción as entidades quixeron, máis unha vez, denunciaren o estado de abandono en que se encontra este ben tan importante da historia e do patrimonio galego.
Estas entidades coñecedoras da súa función de concienciar á sociedade do estado en que se encontra a torre e de reivindicar ás institucións que cómpre salvar este ben, salientan a palabra “salvar” xa que o estado actual ameza con ser irreversíbel. “Non comprendemos – sinalan – que a administración galega poida plantexar, a estas alturas, accións diferentes que non sexan que dito ben pase ao patrimonio público e a execución de accións inmediatas para a súa recuperación”. Neste sentido, sinalan as entidades, “somos conscientes que a limpeza da contorna non salva a torre, que debe ser o obxectivo urxente que non admite retraso ningún”.
As entidades anuncian novas accións encamiñadas "a dar a coñecer o capítulo tan importante da historia galega vinculada a Caldaloba e a necesidade da súa recuperación para a que o pobo galego teña dereito a coñecer a súa historia".