Fomento responde a En Marea que de xuño a setembro de 2018 suprimíronse 738 trens de Ferrol a Ribadeo

TerraChaXa | AMariñaXa
20 Feb 2019

O Ministerio de Fomento, Adif, indica nunha resposta ao deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, que entre xuño e setembro de 2018 suprimíronse na liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo un total de 738 trens. Ademais, contabilizáronse 144 incidencias.
Esta é a resposta do Ministerio a unha iniciativa de control de Fernán Vello que leva toda a lexislatura reclamando melloras na liña, denunciando a súa situación e incluso mantivo unha xunta ao Presidenta de Adif en outubro pasado para demandarlle actuacións urxentes. Fomento aporta un cadro no que se recolle o número de trens suprimidos nos meses de xuño (199), xullo (169), agosto (309) e setembro (67). Tamén fai un desglose do tipo de incidencias que chegaron a un total de 144.
O parlamentar de En Marea destacou o abandono da liña de ancho métrico de xeito constante através de iniciativas e con propostas de maiores dotacións orzamentarias para recuperar estes servizos ferroviarios “imprescindíbeis en comarcas como A Mariña, moi poboadas, e que teñen una importante actividade económica. Nunca entendemos a deixación absoluta que se practicou con este ferrocarril. Hai unha infraestrutura ferroviaria, uns trens, uns servizos, non sería lóxico investir na súa mellor e rehabilitación para incentivar a movilidade en transporte público?”, pregúntase Fernán Vello.
Na súa resposta ao deputado de En Marea, o Ministerio afirma que Renfe acadou un acordo coa Xunta e coas mancomunidades de municipios de Ferrolterra e Ortegal para a aplicación de novos horarios. De novo, fala do “famoso Plan de Reforzo” do que se leva a falar desde hai máis dun ano pero que segue sen despegar.
Tamén explica a En Marea que “rematouse recentemente unha actuación de reforzo da ponte de O Barqueiro”. O deputado de En Marea pedía investimentos máis ambiciosos para rematar coas constantes cancelacións, avarías e demáis deficiencias como a renovación do parque móvil, a modernización da liña, maiores frecuencias e servizos adaptados ás necesidades dos usuarios a modo dun tren de cercanías e máis personal.
Adif só fala das actuacións en trincheiras e sinala que na planificación futura estaría a “modernización das instalacións de seguridade das Cercanías da Rede de Ancho Métrico en Galicia, eliminando o bloqueo telefónico para pasar a realizar a regulación do tráfico entre Ferrol e Ortigueira automáticaente desde o CTC”. Non da datas concretas, simplemente indica que “será entre 2019 e 2020”.
Fernán Vello insiste na necesidade de ter “unha visión de conxunto do mal estado da antiga Feve e apostar decididamente polo ferrocarril como medio de transporte ecolóxico e eficiente que sacaría vehículos das estradas. O abandono desta liña non se arranxa con remendos, hai que aprobar un Plan que inclúa toda a problemática e que ofereza un tren óptimo e eficiente aos habitantes da franxa Cantábrica”.
Polo tanto, En Marea insta a Adif a adoptar as medidas precisas para poñer solución á precariedade do único tren que ten A Mariña

0.18843603134155