Fonmiñá acollerá a exposición 'Destino: unha peregrinación de Manuel Valcárcel'

O Concello da Pastoriza, Abanca e Afundación asinaron un convenio para mostrar a exposición Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel, nun acto no que estiveron Darío Cabaneiro Santomé, alcalde da Pastoriza; Carlos Teijeiro Pita, coordinador institucional de Abanca en Lugo; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A mostra poderase visitar do 16 de xullo ao 21 de agosto, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 horas, no Centro de Interpretación do Alto Miño.
A mostra componse de catro peregrinacións en catro países de catro continentes, baseándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo senón. Concíbese esta expedición como unha viaxe en espiral de seres humanos unidos e guiados polo destino, na busca de respostas a preguntas universais que nos alcanzan a todas as persoas do mundo.
Á súa vez, esta exposición realiza a súa particular viaxe polas diferentes localidades de Galicia nas que se mostra dentro do programa Corrente cultural, que permite á Afundación programar actividades culturais, grazas á colaboración cos concellos e con Abanca.
"Nesta terra de emigrantes e peregrinos sabemos mellor que ninguén da importancia vital da viaxe, un percorrido físico que implica, en paralelo, unha reflexión interior sobre os nosos valores, a nosa identidade e as nosas necesidades. Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel fálasenos de familia, de emigración, de envellecemento, de sustentabilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que teñen a súa correspondencia no labor social de Afundación, a Obra Social de Abanca, e que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e físico de Valcárcel e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor", explican desde a organización.
Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel fálase de familia, de emigración, de envellecemento, de sustentabilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e físico de Valcárcel, e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor.