Formoso confirmou a súa intención de repetir como candidato á Alcaldía das Pontes

TerraChaXa
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou este venres nas Pontes a súa intención de volver competir pola Alcaldía.
formoso psoe alcalde as pontes
11 Mar 2023

Tal e como se anunciara, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou este venres nas Pontes a súa intención de volver competir pola Alcaldía deste municipio que leva gobernando desde 2007 e asegurou que esta decisión "significa non renunciar a Galicia".

“Anuncio a miña candidatura á Alcaldía do meu pobo despois dunha reflexión que ten que ver con que As Pontes é o complexo eléctrico galego por excelencia, que está inmerso nun proceso de trasformación... e no que necesitamos substituír este complexo eléctrico galego por outro complexo eléctrico galego tamén industrial”, dixo onte Valentín González Formoso.

O secretario xeral do PSdeG anunciou así nas Pontes a súa intención de volver competir pola Alcaldía deste municipio que leva gobernando desde 2007 e asegurou que esta decisión “significa non renunciar a Galicia”.

“Comprometerse co futuro industrial das Pontes é comprometerse co futuro industrial de Galicia”, citou como lema en declaracións aos medios, ante os que subliñou o seu “compromiso persoal” coas bases do PSdeG e coa sociedade galega.

E é que o xefe de filas dos socialistas galegos considera que As Pontes, o “complexo eléctrico galego por excelencia”, está inmerso nun proceso de transformación que necesita que todos poñan a “carne no asador” para “chegar a concretar uns proxectos” para esta localidade que “son ideas que están en tramitación pero aínda non están feitas realidade”.

Con todo, non desvelou se optará nun futuro ás primarias para ser o candidato do PSdeG á Xunta. “Estamos no momento no que estamos e quero ser respectuoso co meu pobo no sentido que o que toca agora son as municipais, non nos podemos adiantar a acontecementos futuros, tócanos avaliar esta decisión e dar un paso á fronte polo futuro industrial de Galicia e do noso pobo”, apuntou.

Ademais, Formoso comprometeu o seu “esforzo” para compatibilizar, como fai “día a día”, a Alcaldía coa Secretaría Xeral do PSdeG, así como coa Presidencia da Deputación da Coruña. “Cada día percorremos 400, 500 quilómetros, sempre termino nas Pontes e é perfectamente compatible. O PSdeG é un partido de equipos, de persoas”, sostivo.

O líder do Partido Socialista de Galicia incidiu en que a súa decisión persoal é a de “non acomodarse”, senón dar un paso adiante e “comprometerse con Galicia”. “Significa non renunciar a Galicia, significa que comprometéndome co futuro industrial deste pobo comprométome co futuro industrial de Galicia”, repetiu.

Preguntado sobre a opinión do partido sobre esta decisión, lembrou que o PSdeG ten “a súa autonomía” pero sostivo que está en contacto “permanente” tanto co Secretario Xeral como co responsable de Organización.

“Comparten as nosas decisións e respectan que as tomemos sempre pensando nos intereses dos galegos”, asegurou. Na súa comparecencia, o tamén rexedor referiuse ao peche de Endesa e aos proxectos que se expoñen no municipio para incidir na necesidade de “remangarse” e lograr que as “ideas” se traduzan en proxectos. E falou da construción dunha fábrica de papel tissue e dunha planta de hidróxeno verde.

0.19473695755005