Formoso e Montero apostan polo cambio no mitin do PSdeG nas Pontes

TerraChaXa
A vicepresidenta primeira asegurou que o 18F “é o momento de que Galicia se incorpore á modernidade” cun novo Goberno liderado por José Ramón Gómez Besteiro.
formoso montero mitin as pontes
15 Feb 2024

A vicepresidenta primeira asegurou que o 18F “é o momento de que Galicia se incorpore á modernidade” cun novo Goberno liderado por José Ramón Gómez Besteiro.

“Estamos ante unha oportunidade, pero tamén ante unha necesidade”. Con esa frase definiu o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, a importancia das eleccións ao Parlamento Galego do vindeiro domingo. Foi durante o mitin do Partido Socialista no cine Alovi, de As Pontes, no que participaron xunto a el a vicepresidenta primeira do Goberno, María Jesús Montero, e a número 5 da candidatura socialista pola Coruña, Montserrat García Chavarría.

O tamén alcalde pontés e presidente da Deputación lembrou que, en Galicia, tras 15 anos de goberno popular, “os temas relevantes van mal e o país vai morrendo pouco a pouco”. A esa realidade enfrontou os potenciais da comunidade. “Temos recursos, talento, coñecemento e experiencia en sectores estratéxicos que non podemos desperdiciar”, dixo.

Formoso describiu o resultado das políticas do PP en eidos coma o demográfico, “con 100.000 habitantes menos, e nesta comarca 15.000, como se desaparecese o concello de Fene”, ou o da educación, con máis dun cento de centros que xa non teñen actividade. “Pechar un colexio é un drama social”, asegurou para pór como exemplo o acontecido co Monte Caxado das Pontes, que tiña máis de 300 alumnos. Lembrou tamén o déficit de profesionais sanitarios, “5.000 sen contratar”, o que provoca que obter unha cita para o médico de atención primaria sexa “unha odisea”.

“Temos un diagnóstico claro dese problema, pero hai que escoitar aos profesionais para arranxalo. Hai que falar con quen nos salvaron na pandemia xogándose a súa propia vida”, dixo.

Formoso enumerou tamén os sectores onde Galicia contaba con empresas propias e líderes cuxo capital xa non está en mans galegas ou incluso desapareceron, como foron o enerxético, as telecomunicacións, as conservas, a construción ou a banca. “Ese é o escenario que nos deixa o PP despois de 15 anos de deserto en canto a política industrial”, afirmou.

Destacou tamén a importancia dos vindeiros catro anos polos fondos europeos que están a chegar a España, “máis dos que recibiu entre 1987 e o 2021”. Nun momento así, dixo, “é importante que o presidente da Xunta non confronte, senón que debe coller o teléfono para falar co Goberno de España e defender os intereses das galegas e dos galegos”. Criticou tamén que todos os proxectos que contan con ese financiamento e xa están adxudicados non reciben os permisos correspondentes con suficiente axilidade porque “en 15 anos a Xunta non aprobou os instrumentos lexislativos que o permitan”.

Por todo iso, invitou á cidadanía a facer “o esforzo de dedicarlle dous minutos a pensar no voto do domingo: pode supoñer que cambiemos para mellor a vida de moitas familias”. Ao mesmo tempo, animou a votar con independencia do que poidan dicir as enquisas, porque “todos puidemos ver o 23 de xullo o que ocorreu nas eleccións xerais, e ás enquisas dáselles a volta votando”.

“Este partido é a columna vertebral do Estado social neste país e é necesario que lidere o cambio na Xunta de Galicia”, dixo Formoso para precisar que “os marcos” para a formación dun novo Goberno galego “son falar de progreso, de cultura, de protección social, de aumentar horas á dependencia, de empezar a facer residencias públicas”. Por iso, instou a non “enredarse en problemas identitarios”. O importante, dixo, é que “o domingo haberá cambio, e ese cambio só pode vir da man do PSdeG e de Besteiro”.

O secretario xeral recordou que se non fora polas políticas desenvolvidas polo PSOE no Estado, nos últimos anos os pensionistas terían perdido máis dun 30 % do seu poder adquisitivo. “O triste é que un expresidente de Galicia coma Feijoo votara en contra da lei que subiu as pensións, e máis incomprensible é que o BNG tamén”, dixo.

“O domingo xogámonos moitísimo”, insistiu. “Non é boa decisión non ir votar e deixar de cumprir unha obriga contraída cos que deron a súa vida por poder exercer ese dereito, e non é boa idea abandonarnos ao continuismo. O domingo perdamos só un intre para ir cambiar este país, que significa cambiar as vosas vidas”, concluíu.

“Este é o momento que estabamos agardando, o momento de facer posible o soño de que Galicia se incorpore á modernidade”. María Jesús Montero invitou así a sumar apoios para un Partido Socialista “que leva máis de 140 anos traballando pola liberdade, a democracia e os dereitos, un partido que agora defende a Constitución fronte aos ataques dos extremistas”.

A vicepresidenta destacou a xenerosidade de Formoso á hora de apoiar “á persoa con máis posibilidades de facerse coa Xunta, José Ramón Gómez Besteiro” e chamou a acudir masivamente ás urnas o vindeiro domingo para que o candidato socialista lidere o cambio no Goberno galego. “Que voten progresismo, ilusión e ambición”, pediu.

Referiuse tamén á “mentira e a ocultación” que Feijoo e Rueda elixiron como maneira de facer política, porque mentres o presidente do PP “se manifestaba contra os indultos e animaba á xente a concentrarse ante as casas do pobo, estaba negociando cos independentistas”. “Haberá maior cinismo?”, preguntouse.

Montero esixiu que Rueda aclare se coñecía as conversacións do PP con Junts “e se alguén lle consultou”. “Ten que dar explicacións á xente porque ambos mentiron e enganaron”, suliñou.

Tamén se dirixiu directamente ás mulleres de Galicia, porque “non hai democracia sen feminismo” e animounas a levar á vitoria “ao mellor candidato, Besteiro; o mellor proxecto, o socialista, e o mellor equipo”.

“Temos unha oportunidade de ouro. Pola xente nova, para que non teña que marchar; polos maiores, para que gocen de políticas de coidados; polo emprego, pola sanidade pública e a educación, a xente debe saber que o domingo hai unha alternativa viable, segura e para o futuro de Galicia, para labrar o futuro que todos desexamos”, concluíu a vicepresidenta primeira.

“Temos o mellor candidato, o mellor proxecto e o mellor equipo”, insistiu Monserrat García Chavarría como punto de partida para impulsar dende o Goberno da Xunta unha Galicia “sen fronteiras nin físicas nin ideolóxicas”. Podemos facelo, sabemos facelo e ímolo facer”, asegurou“que entende unha Galicia grande, xusta e chea de oportunidades da que sentirnos orgullosos e orgullosas”. Por iso, animou a “encher as urnas de votos socialistas” e apelou especialmente á “forza das mulleres galegas, valentes e loitadoras”. “Como non imos ser capaces de sacar da Xunta a este Goberno da desigualdade e da perda de dereitos? Podemos facelo, sabemos facelo e ímolo facer”, asegurou”.

0.064940929412842