Formoso participa na presentación do novo libro de Bernardo Valiño

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou na Casa Dopeso na presentación do libro A permanente aventura da Romaría Internacional, escrito por Bernardo Valiño, e que recolle os fitos e anécdotas desta festa cultural que marcou un antes e un despois no acceso a espectáculos internacionais no rural galego.
Durante a presentación, á que tamén asistiu Aquilino Meizoso, alcalde das Pontes no momento no que se constituíu o patronato da Romaría Internacional, o actual rexedor pontés, Valentín González Formoso aproveitou a ocasión para poñer en valor este evento “que permitiu achegar aos concellos e aos núcleos de poboación máis rurais espectáculos culturais de nivel internacional que ata ese momento estaban ao alcance tan só de grandes cidades”.
No libro, Bernardo Valiño, que foi director da Romaría Internacional durante 20 anos, recolle tódalas edicións do festival, celebrado entre 1980 e 2001, detallando como os concellos que formaban parte do Patronato conseguiron coordinarse para achegar ao rural grandes agrupacións folclóricas internacionais, ademais de crear un espazo para a promoción dos grupos locais.
Na publicación non faltan as anécdotas, algunhas das cales contaba Bernardo Valiño durante a súa presentación, que tamén desvelou que “tén moito sentido que fagamos esta presentación aquí nas Pontes, xa que foi neste Concello onde se asinou a constitución do Patronato da Romaría Internacional”.